Papá Noel remata no Hospital Provincial visitando aos nenos ingresados
Por Redacción
Os nenos ingresados no Hospital Provincial recibiron unha visita moi especial, pois Papá Noel achegouse ata o servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra para desexarlles unhas felices festas e unha rápida e boa recuperación para que poidan pasar o resto das festas na casa coas súas familias.
Cunha bolsa cargada de agasallos e doces, Papá Noel recibiu aos cativos na aula hospitalaria, onde un a un foi chamándoos para repartir os regalos que levaban o seu nome.
Así mesmo, deixou tamén algunha sorpresa para os profesionais do servizo de Pediatría, como recoñecemento por velar polos coidados dos pequenos durante a súa estadía no centro hospitalario.
Logo de pasar uns intres agradables cos rapaces de maior idade, Papá Noel achegouse ás áreas de lactantes e do hospital de día pediátrico para continuar co reparto de agasallos, que foi celebrado con moita alegría entre pequenos e maiores.