Que deixou Papá Noel aos nenos pontevedreses?
Por Oskar Viéitez
Agora que xa se abriron a maioría dos agasallos xa se pode facer reconto de cal está a ser o xoguete estrela este Nadal. Á espera da chegada dos Reis Magos os fogares pontevedreses reflicten un equilibrio os xoguetes tradicionais e as novas apostas.
Iso si, todas as tendas de xoguetes consultadas na redacción deste artigo coinciden en destacar a influencia dos produtos promocionados no cinema e a televisión nas preferencias infantís. Así sucede coa Patrulla Canina, os PJ Masks das aventuras de Gatuno, Buhita e Gekko, ou Ladybug e Cat Noir, os reloxos de Yo- Kai Watch ou o variado merchandising da saga galáctica de Stars Wars.
Un dos produtos estrela este ano está a ser a bola xigante Lol Surprise. O xoguete contén 50 bonecas sorpresa envoltas en esferas moi orixinais. O seu prezo ascende aos cen euros.
Outro dos agasallos máis solicitados son os xoguetes clásicos das coleccións Playmobyl, Pin e Pon, Nenunco ou as Barbies.
Os xogos de mesa en familia, con versións non moito máis sofisticadas que aquel famoso Xogos Reunidos da década dos noventa, tamén destacan entre os paquetes debaixo da árbore. Ocupa un lugar destacado este ano o Monopoly.
Será pola peonalización da Boa Vila que un agasallo moi repetido son as bicicletas e os vehículos con batería, como as réplicas infantís de coches e motos ou o patinete eléctrico, que supera os 150 euros de prezo.
Que sorte que este ano todos os nenos foron bos!