"Aire fresco" no PSdeG pontevedrés para "dar a batalla" ao PP nas municipais
O PSdeG-PSOE en Pontevedra pecha filas ao redor do seu novo líder, o concelleiro vigués David Regades. Unha ampla maioría, o 77,6% dos delegados do congreso provincial, que se celebrou este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra, apoiou a executiva proposta polo gañador das primarias.
Dos 214 delegados que exerceron o seu dereito ao voto neste congreso, 166 apoiaron a nova executiva dos socialistas pontevedreses, mentres que os 48 restantes optaron por votar en branco. Non houbo ningún voto en contra.
Na súa intervención ante o congreso, unha vez ratificada unha executiva que estará composta por 43 persoas, Regades destacou que o PSdeG é un partido "vivo" que, a partir de agora, centrarase en "derrocar" ao PP nos concellos. O seu equipo, dixo, achegará "aire fresco e limpo" a todos aqueles lugares "destrozados pola dereita".
Regades criticou á "dereita sen ideas que só goberna para os seus intereses e os intereses privados", rexeitando a súa "forma caciquil de entender a política". Fronte a "a peor dereita que nos goberna", asegurou que en 2019 "comezará a recuperación dos gobernos socialistas" tanto en Galicia como en España.
Ademais, instou aos socialistas pontevedreses a facer "política con maiúsculas" e a mostrarse "próximos e cercanos" coa cidadanía para "implicarse" en atender as necesidades da sociedade, convertendo ao PSOE na forza máis votada da provincia nas próximas eleccións municipais.
O secretario xeral do PSdeG en Pontevedra mostrouse "orgulloso" da executiva que encabeza, incidindo en que se trata dunha lista "cremalleira" como exemplo dun partido "igualitario e feminista". Destacou, en especial, o apoio de Carmela Silva e de Abel Caballero, "un mestre ao que lle debo todo". Ambos estaban presentes.
Xunto a Regades, o "núcleo duro" do partido estará formado pola ex alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, como vicesecretaria; o ex deputado Luís Gómez Piña como vicesecretario de dinamización das agrupacións locais e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, como secretario de organización.
Tamén ocuparán un lugar destacado o exalcalde da Illa de Arousa, Manuel Vázquez, que será o novo secretario de acción electoral; ou o ex edil en Pontevedra, José Manuel Valcárcel, que ocupará o cargo de secretario de política municipal. Podes consultar todos os nomes da nova executiva nesta ligazón.
Á clausura do congreso, ademais de quince dos alcaldes do PSOE en Pontevedra, acudiron os ex ministros José Blanco e Elena Espinosa, deputados no Congreso e no Parlamento galego, o portavoz do PSdeG na cámara autonómica, Xoaquín Fernández Leiceaga; ou o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero.
Caballero destacou que os procesos de renovación no PSOE, que comezaron coa elección de Pedro Sánchez como secretario xeral, están a permitir que os socialistas estean "en recuperación" e que as enquisas vaticinen un "ascenso electoral" en toda España. Por iso é polo que chamase ao PSdeG a "dar a batalla" nas próximas eleccións municipais.
O secretario xeral do PSdeG ve necesario que "nos abramos á rúa" e "inundemos" a sociedade civil para afianzar un "cambio político" que sitúe a Sánchez na Moncloa e a un socialista á fronte do goberno galego.
Todo cambio, engadiu, "ten que estar liderado por un socialista" para poder substituír no goberno galego a un PP que ve "sen folla de ruta", cunha política "centrada nos recortes" e que "vai deixar peor" a Galicia desde o punto de vista económico, demográfico e social.
Ao congreso dos socialistas de Pontevedra acudiu tamén a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, que quixo poñer en valor o traballo municipal dos socialistas, ao destacar que os alcaldes son o "orgullo" do partido porque contribúen a "construír país".
"No hay mejor conducta que la de los alcaldes socialistas", dixo.
Lastra centrou gran parte no seu discurso na crise catalá, acusando o Partido Popular e ás forzas independentistas catalás de ser uns "auténticos irresponsables" por contribuír a xerar "odio" entre a cidadanía de Cataluña.
A número 2 do PSOE fixo un chamamento para recuperar a "convivencia" en Cataluña e apartarse do "supremacismo" que aprecia nos partidos independentistas e dun PP ao que este conflito "le venía muy bien" porque, dixo, mentres "discutían" con Artur Mas ou Carles Puigdemont "eran votos que ganaban en el resto de España".
Ante esta situación, a dirixente socialista reiterou a aposta "clara" do seu partido por unha reforma da actual Constitución Española para solucionar esta "fractura" social e territorial.
Relacionadas:
-
Andrés Díaz dimite como secretario de organización do PSOE pontevedrés
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Os socialistas de Sanxenxo, Barro, A Lama e Cerdedo-Cotobade elixen as súas executivas
Por Oskar Viéitez |
-
Maica Larriba, opción dos 'sanchistas' para dirixir o PSdeG-PSOE de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández non seguirá á fronte do PSdeG-PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE pontevedrés programa para xaneiro a renovación das agrupacións locais
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva anima o PSOE a traballar en "un proxecto alternativo á dereita cavernícola"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
David Regades, novo líder do PSOE na provincia de Pontevedra
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Andrés Díaz e David Regades unen as súas candidaturas e optarán xuntos a liderar o PSOE
Por Alejandro Espiño |