Os socialistas de Sanxenxo, Barro, A Lama e Cerdedo-Cotobade elixen as súas executivas
Por Oskar Viéitez
Seguindo a pauta fixada pola executiva provincial do PSOE, xa está en marcha a renovación das direccións das agrupacións locais do partido. É o caso de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Barro e Sanxenxo.
CERDEDO-COTOBADE
Os socialistas de Cerdedo-Cotobade celebraron o seu congreso local esta fin de semana e configuraron unha nova executiva local, que será a encargada de preparar as próximas eleccións municipais, onde aspiran a obter uns resultados "moi satisfactorios".
O congreso, que tamén serviu para unificar as agrupacións locais dos dous anteriores concellos, é unha "aposta pola renovación e polo relevo xeneracional". Unha combinación de experiencia e mocidade, na que abundan as novas incorporacións, comezando polo novo secretario xeral, que, a partir de agora, será Manuel García Alonso.
O resto da executiva está conformada por José Pazos Fernández como secretario de Organización, Xoel Vázquez Dios como secretario de Política Municipal, Lorena Durán Bello como secretaria de Acción Municipal, Ismael Bouzas Veiga como secretario de Formación e María Regina Sobral Fraguas, como secretaria de Administración.
A presidencia corresponde a Luis Alonso López e os vocais serán María Ángeles Torres Vázquez, Manuel Loureiro Adán e Carmen Caramés Campos.
A LAMA
O secretario de Organización provincial e alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, anticipou que o mapa político da comarca vai coñecer cambios moi importantes durante o ano próximo. Así, subliñou que confía moito nos resultados que o PSdeG-PSOE vai obter en Ponte Caldelas, onde aspira a converterse en primeira forza, e vaticinou que hai “moitisimas posibilidades” de acadar tamén a Alcaldía de A Lama onde Enrique Vaqueiro repite coma secretario xeral da agrupación socialista lamesa durante o próximo mandato, despois da celebración da asamblea local.
Vaqueiro, que ocupou o sitio de Manuel Díaz na asamblea local fai un mandato, resultou elexido tamén pola interlocal dos Concellos de Fornelos de Montes, A Lama, Forcarei e Soutomaior como representante no Comité Nacional Galego.
BARRO
Tamén o PSOE de Barro elixiu a sua nova executiva saída da única candidatura que se presentou coa que revalidan os seus cargos o actual secretario xeral, José Sanmartín e a secretaria de organización, Rocío Touriño, que nos vindeiros meses, incorporarán aos novos compañeiros contando cunha "militancia consolidada" na agrupación, que pasa de 15 a 25 militantes.
SANXENXO
No PSOE de Sanxenxo houbo un cambio á fronte da súa formación municipal. Ainhoa Fervenza foi elixida nova secretaria xeral ao gañar en votos ao ata agora responsable deste cargo, Hugo Andrade Padín.
Ademáis Manuel Villalustre é o novo secretario de organización e Jesús Francisco Leiro levará os asuntos de política municipal. Tamén teñen responsabilidades orgánicas Diego Troncoso, Asunción Palmira Oubiña e José Manuel Pazos.
Relacionadas:
-
"Aire fresco" no PSdeG pontevedrés para "dar a batalla" ao PP nas municipais
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Carmela Silva anima o PSOE a traballar en "un proxecto alternativo á dereita cavernícola"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
David Regades, novo líder do PSOE na provincia de Pontevedra
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada