Maica Larriba, opción dos 'sanchistas' para dirixir o PSdeG-PSOE de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Cun chamamento á unidade e co obxectivo de lograr a "maior integración posible" dentro do PSdeG-PSOE de Pontevedra. Así se presenta Maica Larriba, que este xoves confirmou que optará a converterse na nova secretaria xeral dos socialistas na cidade, en substitución de Agustín Fernández.
Larriba, cunha longa traxectoria no seo do PSdeG-PSOE pontevedrés, asegurou a PontevedraViva que a súa candidatura busca "seguir a liña" que emprendeu o partido con Pedro Sánchez a nivel nacional e con Gonzalo Caballero no ámbito galego. A súa intención é que "ese mesmo modelo" chegue agora á Boa Vila.
A candidata á secretaria xeral explicou que, se os seus compañeiros depositan a súa confianza nela, traballará para que o PSOE "recupere o crédito e o papel que tivo en Pontevedra".
Para iso, engadiu, é "imprescindible" alcanzar a paz interna no seo do partido xa que aos cidadáns "non lles resulta atractivo" unha formación "que estea fracturada e non estea unida". Así, gustaríalle estar arroupada por unha candidatura única que agrupe todas as sensibilidades que hai dentro da familia socialista en Pontevedra.
"Quero unha agrupación forte e unida porque diso depende o apoio que vaiamos ter dos cidadáns", sinalou.
Ademais, entende que os militantes deben de ser "a voz do partido", polo que aposta por implicalos nas decisións estratéxicas "no maior grao posible".
Tras "décadas de compromiso" co partido, Maica Larriba asegura dar o paso en busca dun liderado "sen fisuras". Lembra que ela sempre foi unha persoa "moi disciplinada e leal" co partido e quixo poñer en valor a súa "coherencia ideolóxica" durante todos estes anos, nos que asegura que nunca estivo interesada nas "loitas de poder".
Relacionadas:
-
RADIO.- A Playlist: Maica Larriba, llegan nuevas experiencias y emociones con Mario
Por Marisa Ciordia |
-
Benito Gama, proposta de Maica Larriba para presidir o PSdeG-PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández non seguirá á fronte do PSdeG-PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- A playlist de Tino Fernández: o grato recordo dun socialista cara un ex alcalde popular
Por Marisa Ciordia |
-
"Aire fresco" no PSdeG pontevedrés para "dar a batalla" ao PP nas municipais
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |