Para comezar esta playlist, Rosanna López Salgueiro xa advirte que quen se ofenda por ser " PTV" (isto é, de Pontevedra de Toda a Vida) é que non é pontevedrés de sentimento. As súas experiencias vitais teñen moita historia musical, ou viceversa, as súas experiencias musicais teñen moita vida e totalmente persoal e particular.
Xa de nena era inquieta e dicharacheira. Con 14 anos afiliouse ás mocidades do PP. Aos 17 quixo entrar naArmada, pero a incorporación da muller non foi permitida ata dous anos despois, así que comezou a estudar Ciencias Políticas e Socioloxía. Entón, con 19 anos, coñeceu a Alfonso Guerra, quen lle deixou unha pegada moi positiva.
Tivo ocasión de cantar, diante dun limitadísimo número de testemuñas con Luís Eduardo Aute. Tamén con Mike Oldfield, nesa ocasión ante un gran auditorio en Santiago de Compostela. Aínda que con Bryan Adams non cantou, si foi a quen dedicou unha canción durante o seu concerto en As Travesas de Vigo. E con Bruce Springsteen?... escoita esta Playlist de PontevedraViva Radio e saberalo.
Afirma Rosanna López que foi enamoradiza... agora eses amores levan os nomes dos seus sobriños, o seu afillado, a súa familia e os seus amigos...ah! e as súas tres gatas.
Conclúe esta charla con tres desexos. Un, publicar un libro: a súa presentación será o próximo 14 de decembro. Dous: doutorarse, espera presentar a súa tese en Dereito Civil o próximo ano. E tres: viaxar. Hai tres destinos: Dubai, Australia e Escocia; unha viaxe que augura "cambiará a miña vida".