Ponte Caldelas acende a iluminación do Nadal
Por Oskar Viéitez
Ponte Caldelas estreou este venres a súa iluminación ornamental de Nadal co tradicional acto de acendido na praza do Bispo a cargo do alcalde. Foi unha cerimonia que se celebrou baixo a choiva e na que contou coa compaña do seu fillo.
O equipo de goberno, formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, continúa a senda emprendida o ano pasado e mantén a aposta pola mellora na calidade, colocando iluminación led de baixo consumo, atractivos deseños e diferentes cores.
O resultado do traballo, encargado á empresa Electromiño, son 45 arcos e case unha vintena de bandeirolas montadas sobre os farois nas rúas onde polo ancho ou por imposibilidades técnicas non é posible instalar arcos.
O elemento máis significativo é a gran árbore branca que engalana a praza do Bispo e se converte en punto habitual das fotografías dos veciños e visitantes. A árbore, situada a carón da fonte, érguese 10 metros.
A estrea da iluminación de Nadal preludia o comezo do concurso gastronómico Caldelas Tapas Quentes, que se vai celebrar todos os venres do mes de decembro, comezando xa a próxima semana. Este ano participan 13 locais (un máis que o ano anterior) que serverán tapas moi variadas ao prezo único de 2,50 euros, un prezo que inclúe tamén unha bebida básica, polo que se agarda, ao igual que o ano pasado, unha forte presenza de público.
INTERESE POLO MINICONGRESO "TERRITORIO FELICIDAD"
Persoas de toda Galicia están a chamar para interesarse polo minicongreso de motivación persoal #TerritorioFelicidad, que se celebrará en Ponte Caldelas o próximo día 30 de novembro, xoves, a beneficio dos damnificados polos incendios do pasado 15 de outubro ás 19.30 horas.
A iniciativa estará a cargo dos adestradores internacionais Juanma Quelle e Pedro Campos e constará de charlas inspiracionais, breves sesións de música basadas na percusión e, sobre todo, moi bo humor.
O minicongreso ten unha entrada de só 2 euros.
Relacionadas:
-
Os Reis Magos chegarán a Ponte Caldelas cun festival a cuberto da choiva
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas rectifica e programa de novo a festa nocturna de Fin de Ano
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas suspende a súa Noitevella polo mal tempo
Por Redacción |
-
Un calendario para presumir todo o ano das paisaxes de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Uvas anticipadas e unha gran festa de Noitevella en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas é #TerritorioFelicidad, una iniciativa de superación personal hispano-cubana
Por Redacción |