Un día de festa para os autónomos
Por Redacción
Sanxenxo acolleu este sábado a novena edición do Congreso de Traballadores Autónomos de Galicia.
Con este acto festivo, ao que asistiron máis de 300 invitados, a asociación de Autónomos e Pequenos Empresarios (APE-Galicia) entregou os seus galardóns a empresarios que son a terceira ou a cuarta xeración que continua un negocio.
Os recoñecementos entregáronse no transcurso dunha cea de homenaxe aos premiados á que asistiron a subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Este último recolleu o galardón pola posta en marcha da Mesa do Autónomo.
O presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, insistiu na importancia de traballar no relevo interxeracional dos pequenos negocios e, de feito, un dos establecementos premiados leva xa 140 anos en activo.