O 13 de novembro de 2002 comezaba o pesadelo ambiental que non se esquecerá en Galicia nin fóra de Galicia. Quince anos despois reunimos no estudo de PontevedraViva Radio a Anxos Riveiro que naquel momento foi unha das persoas que coordinou a oficina de voluntariado que puxo en marcha o Concello de Pontevedra; a José Antonio Gómez presidente da Federación Provincial de Confrarías e patrón maior de Portonovo; e a Xosé Manuel Abraldes, hoxe alcalde de Barro e entón o portavoz da plataforma Nunca Máis en Pontevedra.
Os tres coinciden que foron meses moi intensos, que por mor deste faladoiro viñéronlles á cabeza moitas imaxes "unhas de rabia e outras marabillosas grazas aos voluntarios". comezamos coa seguinte pregunta: como e onde tiveron coñecemento da presenza do Prestige na costa galega?
José Antonio Gómez lembra que estaba na mar cando escoitou a noticia pola radio. "En principio parecía que estabamos lonxe daquel barco e non tiñamos a preocupación da xente da Costa da Morte". Xosé Manuel Abraldes viña de traballar e viu as primeiras imaxes por televisión. "As autoridades quitaban importancia a aquelo e sí viñan á mente anteriores traxedias marítimas. A preocupación fíxose máis nítida cando medios internacionais dicíannos o que estaba a pasar e o que podía suceder". Anxos Riveiro lembra que "o alcalde dixo: hai un barco por aí dando voltas que pode traer perigo. Creo que estabamos a preparar as actividades de Nadal e aquela primeira noticia nola deu el".
E cando, ao ser conscientes da traxedía que había diante, comezouse a facer algo? "Os seguintes días pouca información chegaba, pero xa nos puxemos a disposición cos medios que tivésemos para o que fixese falta", lembra Anxos. "Dábanse varias circunstancias: como se aproximaba unha desgraza para o noso país, a pasividade da administración, ver que a xente quería facer algo e había que organizalo - de feito o Concello foi o primeiro de Galicia porque viña xente de todos sitios e material de todo tipo. Sigo tendo a sensación de que non se agradeceu o suficiente a empresas, concellos e particulares todo o que se ofreceron e axudaron. Ese agradecemento aínda o teño presente porque me parece que nunca foi suficiente ese agradecemento. Tamén é un orgullo mirar atrás e ver que non fixemos as cousas tan mal".
O patrón apunta que "a xente do mar en contínuas reunións que tiñamos, solicitamos poder subir cada día un patrón naquelas avionetas que sobrevoaban a costa. O día 2 (decembro) xa vimos a zona de Cíes e Ons con manchas tremendas. O día 3 fixen unha reunión na miña confraría para saír e evitar que entrase o fuel e ás seis da madrugada eu xa estaba desbordado porque había barcos de toda a ría e todo tipo dispostos a iso".
Abraldes engade no seu caso que "ante situacións previas, o silencio da administración e vendo que o que viña era grande había que darlle resposta, un grupo de colectivos organízanse para reivindicar unha resposta institucional correcta a aquela traxedia. Ademais da resposta de reivindicación foi a capacidade da sociedade para autoorganizarse e dar solucións por se mesma. Foi algo que dignifica a este pobo e é de agradecer a solidariedade de todo o mundo que axudou".
Ademais de múltiples aspectos relacionados con aquela catástrofe, pasando polo xuízo e as indemnizacións establecidas esta mesma semana, expómoslles con que quedan daquela experiencia en cada caso particular? Gómez di "co voluntariado, persoas de todo tipo e condición e unha imaxe que non se me esquecerá o resto dos meus días: unha parella de máis de 80 anos, moi moi humildes, achegáronseme e dixeron que pola súa idade e estado non podían saír a axudar ao mar nin ás praias, pero déronme unha bolsa dous cartóns de leite, dous quilos de arroz unha botella de aceite e outro produto que non recordo, non se me esquecerán".
A concelleira pontevedresa indica sen dúbida: "Dunha parte que ante a falta de dirección a xente foi capaz de organizarse e doutra o profundo rancor que me provocaron aquelas palabras de Rajoy -que estabamos a seguir desde o parque de bombeiros- dicindo que eran hilillos de plastilina e ao mesmo tempo estar a ver como a xente chegaba derrotada e sucia das praias de sacar chapapote".
Para o actual alcalde de Barro "o que representou o movemento Nunca Máis é algo que vai quedar por moitas xeracións. Esa dignidade, resposta social, organizarse... como por desgraza haberá futuras ocasións en que haxa que mostrar esa rabia, aquilo quedou acuñado e o que representou queda para mostrar a indignación cando sexa necesario".