Deteñen un veciño de Vilagarcía por disparar a súa ex parella cando tentaba entrar no domicilio do home
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional de Vilagarcía detiveron un home como presunto autor dun disparo con escopeta á súa ex parella.
Segundo informaron fontes da investigación, o suceso tivo lugar ás 7.30 horas deste xoves cando a muller tentou entrar na casa do seu ex compañeiro, na rúa Cruceiro de Galáns. O home, duns 55 anos de idade, dixo que usou a escopeta porque se asustou ao pensar que alguén lle estaba entrando a roubar.
A muller, de 54 anos, recibiu un tiro nun ombreiro, e foi atendida no Hospital do Salnés.
O home foi detido e permanece nos calabozos da Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía á espera de pasar a disposición xudicial.
Hai dous anos esta parella tamén protagonizou un incidente cando plantaron lume ás súas casetas de feira.