O acusado de matar a golpes a súa muller en Mos nega o crime e asegura que a atopou morta ao chegar á casa
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O veciño de Mos Florencio Alonso Calvar defendeu este luns a súa inocencia do brutal crime machista do que está acusado por matar a golpes á súa esposa na vivenda familiar e polo que empezou a ser xulgado na Audiencia Provincial de Pontevedra. O home, de 71 anos, asegurou que el non matou á súa muller, senón que o día do crime chegou á súa casa tras estar no bar de en fronte e atopouna "tirada en el suelo, con la cabeza entre la cocina de hierro y la de butano".
O brutal crime ocorreu o 29 de decembro de 2015 na parroquia de Tameiga, en Mos e empezou a ser xulgado por un tribunal popular este luns. O xuízo con xurado prolongarase durante toda a semana, pero este luns xa incluíu pola mañá a declaración do acusado, os seus fillos e varias testemuñas en sesión de mañá e tarde.
A fiscal do caso, Patricia Andreu, considera que hai "elementos suficientes" para soster que Florencio Alonso entrou esa noite na casa familiar tras estar toda a tarde nun furancho e un bar e golpeou á súa esposa, Marina Rodríguez, nas costas mentres preparaba a cea na cociña. Ela caeu ao chan e "siguió golpeándola repetida e insistentemente", dándolle "al menos tres golpes en la cabeza", todo "sin que Marina pudiese defenderse ni tampoco pedir ayuda".
Fronte a esta acusación, a defensa do acusado mantén que non existe "ningún vestigio, ni siquiera un indicio ni mucho menos prueba concluyente" de que o autor do brutal crime fose o seu cliente e alega tamén que durante a instrución desta causa produciuse unha "vulneración de sus derechos fundamentales".
O acusado tan só quixo responder as preguntas da súa avogada defensora e explicou que el chegou á súa casa, viuna no chan da cociña e chamouna "Marina, Marina, ¿qué te pasa?". Non lle respondeu e, sen tocala, dirixiuse á habitación do seu fillo, que convivía coa súa esposa e el na vivenda familiar, pero que non estaba neses momentos.
Ao verse só en casa, o acusado explica que colleu o coche e foi ao cuartel da Garda Civil de Mos. Segundo explicou, non chamou ao 112 nin aos servizos médicos porque "en ese momento me quedé bloqueado y solo pensé en ir a la Guardia Civil". Pedir axuda "ni se me pasó por el sentido". Unha vez no cuartel, agardou aínda un rato a que o atenderan e contou que a muller estaba tirada no chan da cociña, sendo os axentes os que chamaron á ambulancia.
O fillo maior do acusado e a vítima, de 47 anos e que vivía con eles, non quixo declarar no xuízo e o menor, de 42 e que apenas tiña relación cos seus pais, non puido achegar datos sobre o día do crime. Asegurou que "siempre tuve buena relación con mi madre", pero facía 14 anos que non vivía en casa e non falaba con ela desde agosto, catro meses antes do crime, de modo que descoñecía o seu día a día. En todo caso, nunca vira unha relación violenta entre os seus pais.
Pola sala de vistas pasaron os irmáns e a cuñada da falecida e todos coincidiron en que a muller pasaba dificultades económicas. "Lo pasaba bastante mal, no tenía dinero para mantenerse", relatou un deles, mentres que o outro engadiu que a súa irmá referíalle que tiña mala relación co seu marido e mesmo lle falou de "maltrato". El, en todo caso, non viu ningunha escena de malos tratos nin violencia, pois o acusado "non me permitía ir á casa". Unha das cuñadas da vítima relatou que ela si notou que "ella andaba muy sola, no les veíamos juntos".
Dúas traballadoras sociais de Mos compareceron como testemuñas e relataron que 14 meses antes do crime realizaron un informe sobre a parella. Un día chamounas a Garda Civil porque a muller estaba no cuartel cunha ferida infectada que ela relataba que fora resultado da mordedura dun can. Foron estas traballadoras as que a acompañaron ao centro de saúde e logo o hospital, sen que nin o seu fillo nin o seu marido fosen vela.
Tras iso, foron á súa casa e viron que estaba "sucia, desordenada, sin agua caliente, con olor fuerte a perro" e que a muller non tomaba a medicación. Cando empezou a tomar o tratamento, a situación mellorou. Segundo explica, non detectaron ningunha situación de risco nin que a muller tivese medo, pero si lles referiu que non tiña acceso a diñeiro e elas tramitáronlle unha pensión non contributiva.
A Fiscalía e a acusación popular, que exerce a Xunta de Galicia, consideran que Florencio é autor dun delito de asasinato polo que consideran que debe ser condenado a 22 anos de prisión e a prohibición de residir no domicilio do crime e no municipio de Mos durante os 27 anos seguintes, así como a pagar indemnizacións por un total de 75.000 euros.
O home ingresou en prisión preventiva o 31 de decembro de 2015, dous días despois do crime, pero está en liberdade desde febreiro de 2017.
Relacionadas:
-
O Estado deberá indemnizar un ancián que estivo 419 días en prisión por matar á súa muller e acabou absolto
Por Natalia Puga |
-
O xurado popular declara "non culpable" o ancián acusado de matar a golpes á súa muller en Mos
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Gardas e sanitarios describen unha familia "inexpresiva" ante o escenario "dantesco" do crime de Mos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |