A Universidade de Vigo instala un medidor de ozono na illa de Ons
Por Redacción
A Autoridade Portuaria autorizou á Universidade de Vigo para a instalación dun equipo de medición de ozono na contorna do faro da Illa de Ons, no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.
A Universidade de Vigo está a levar a cabo o proxecto de investigación DOPPLER (Descubrimento de ozono en período industrial e rescate) para avaliar a calidade do aire en puntos como a Illa de Ons, Toralla ou Calvos de Randín.
Un dos obxectivos deste proxecto é comparar as medidas de ozono troposférico actuais con medidas do século XIX no litoral galego. En paralelo, a universidade está a realizar un documental sobre o proxecto, que será proxectado en foros de divulgación científica.
A Autoridade Portuaria colabora desde hai anos en diversos proxectos ambientais con diferentes organismos, ademais de manter unha estreita relación de cooperación coa Universidade de Vigo. Por este motivo autorizouse a instalación deste medidor de ozono de forma temporal ao non ter ningunha afección sobre a flora nin a fauna da illa, segundo a solicitude realizada polos responsables do proxecto.