O TSXG confirma o despedimento de Charo Lorenzo da Cámara de Comercio por quebra de confianza
Por Natalia Puga
O TSXG ratificou o despedimento de Charo Lorenzo do seu cargo na Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía. A ex secretaria xeral da extinta Cámara de Pontevedra era responsable local da nova entidade fusionada, pero foi despedida en agosto de 2016 ao considerar os responsables da entidade que se produciu unha quebra de confianza tras a súa condena polos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e suborno.
Rosario Lorenzo Pontevedra presentou unha demanda laboral e revisou o caso o Xulgado do Social número 4 de Pontevedra. Unha sentenza do mes de marzo validaba este cesamento do contrato, botando por terra as pretensións da ex secretaria cameral, que pretendía que fose considerado despedimento improcedente.
Tras esta sentenza do Xulgado do Social número 4 de Pontevedra, Charo Lorenzo recorreu en segunda instancia e revisou o caso a Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O Alto Tribunal galego volveu a desestimar as súas pretensións.
A sentenza, á que tivo acceso PontevedraViva, desestima o recurso de suplicación interposto e confirma a sentenza previa. O contido do fallo analizarase no pleno da nova Cámara previsto para este mércores na sede da entidade en Vigo. Contra a sentenza, en todo caso, cabe recurso.
O comité executivo da cámara fusionada acordou por unanimidade de todos os seus membros proceder ao despedimento disciplinario de Charo Lorenzo tras serlle notificada a sentenza condenatoria do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra, que a condena coa súa conformidade.
Na carta de despedimento, alegan que a relación laboral que tiña coa entidade "esixe unha confianza entre as partes que se creba pola realización das condutas polas que foi vostede condenada, que producen vulneración da confianza depositada". Engaden que a súa actuación foi constitutiva de faltas moi graves cometidas no desempeño das súas funcións, que, a teor do disposto no Estatuto dos Traballadores, implican o despedimento.
O recurso presentado por Charo Lorenzo e revisado polo TSXG argumenta que o despedimento debe ser considerado improcedente, entre outras cuestións, porque o acordou un órgano incompetente, pois o decidiu o comité executivo e non polo pleno da cámara, como correspondería por ser secretaria xeral, ou, en todo caso, persoal de alta dirección. Ademais, alega que non se instruíu o correspondente expediente disciplinario necesario para o despedimento, nin se reabriu o inicialmente incoado e suspendido polo proceso penal polo que foi finalmente condenada.
O TSXG sostén que considera probado que no momento do despedimento Charo Lorenzo xa non era secretaria xeral e mantén que non era necesario abrir o citado expediente disciplinario. Bótase, de novo, por terra unhas aspiracións que pasaban pola readmisión ou polo pago dunha indemnización de máis de 206.000 euros, pois a demandante quería que lle indemnizasen de acordo a un salario de 7.939,81 euros ao mes fronte aos 5.931,589 euros que lle deron co seu despedimento en concepto de liquidación, saldo e liquidación.
Relacionadas:
-
Condenan a prisión a Charo Lorenzo e ao empresario Manuel Cabada
Por Redacción |
-
Absolven a Charo Lorenzo e Gómez Rivera na causa por despedir tres traballadores da Cámara por represalias
Por Natalia Puga |
-
Charo Lorenzo, de novo no xulgado. Demanda que a Cámara a indemnice por un salario de 7.939 euros ao mes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Charo Lorenzo recorre o seu despedimento da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga |
-
A Cámara despide a Charo Lorenzo por "quiebra de la confianza" tras a condena por aceptación de suborno
Por Natalia Puga |