Sanxenxo sobe as tarifas da piscina e do centro de día
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Sanxenxo entregará este mércores na Xunta de Portavoces a proposta de subida de taxas e impostos. Uns días despois, celebrarase a comisión de contas e posteriormente terá que ser aprobada no pleno para que poida entrar en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2018.
A principal novidade este ano é que se crea unha nova taxa, por imperativo legal, para a recollida selectiva nos mercados de restos de carne e peixe nun colector específico. Cada posto do mercado pagará nove euros ao mes por este concepto.
A gran maioría dos impostos e taxas non terán ningunha subida excepto as tarifas da piscina e o centro de día.
Concretamente, explica o goberno local que a tarifa actual do centro de día, que é de 511 euros, "está moi por baixo do custo doutros concellos, e iso que estes concellos reciben axudas anuais da Xunta que Sanxenxo non recibe, situación que o goberno quere cambiar en 2018".
A tarifa de referencia do centro de día pasa de 511 euros a 545 euros, IVE incluído, e a do transporte de 54 euros a 80 euros, IVE incluído.
A subida non repercute na súa totalidade sobre o usuario xa que o que este paga está en función de dous conceptos, a tarifa de referencia do servizo e a renda de cada familia. Así a pesar de que a tarifa actual no centro de día é de 511 euros mensuais, a maioría, 42 usuarios pagan menos de 187 euros mensuais.
Tamén se modifican as taxas da piscina. Así, as novas altas que ata agora tiñan unha cota de 24 euros, pasarán a ser de 10 euros, a cota de socio tamén baixa, de 33.50 euros a 32 euros e soben as entradas libres de 3,80 euros a 4 euros e os bonos de 29,50 euros a 33 euros.
Non se modifican outros impostos como o de vehículos, a taxa de lixo, as garderías, o servizo de atención ao fogar, o ICIO, o guindastre, vaos, licenza de apertura, plusvalías, estadas e outros moitos. Tampouco sobe o IBI, que é o imposto que xera máis ingresos en calquera concello, que en 2018 mantense no 0,44%.
O ano pasado, a proposta do PP, reduciuse un 10% do 0,48 a 0,44%, o que supuxo que as arcas municipais deixasen de ingresar 300.000 euros. A intención do goberno é "continuar aprobando novas reducións e bonificacións deste imposto nos próximos exercicios".
A taxa de auga, de saneamento e de depuración actualízanse en base ao IPC de xullo, que é 1,5 euros, tal e como establece o prego de condicións da concesión.