A veciñanza de Ponte Caldelas tírase polo barranco
Por Oskar Viéitez
Quince veciños de Ponte Caldelas convertéronse este domingo nos primeiros en gozar gratuitamente do descenso do barranco do río Verdugo da man de monitores especializados. É unha oferta, só para persoas empadroadas, que fai o Concello de Ponte Caldelas.
O barranco do río Verdugo, cunha lonxitude duns tres quilómetros, está considerado como o mellor de Galicia para a práctica deste deporte, tanto polas súas características cambiantes, garantía plena dunha actividade para lembrar, como pola súa espectacularidade. A medida que avanzan, os barranquistas atopan tramos dunha fermosura abraiante.
O apoio dos monitores permite afrontar os saltos máis complicados con plenas garantías, pois sempre hai variantes ao alcance de todo o mundo.
O Concello volverá ofertar catro saídas máis, unha por mes, entre xuño e setembro do ano próximo, cun total de 15 prazas cada unha.