O Marín Canta encherá de música a Alameda este venres pola noite
Por Oskar Viéitez
A Alameda Rosalía de Castro acollerá este venres o Festival Marín Canta cos Saljariteiros. Será a partir das 21.00 horas.
O obxectivo é reunir a centos de persoas na Alameda cantando xuntos unha serie de pezas tradicionais e populares, na súa inmensa maioría xa coñecidas polo público, ao son do ritmo deste grupo de cantos de taberna, segundo indicou o seu voceiro, Benito Salgado.
A organización repartirá en papel o cancioneiro que se vai interpretar, de xeito que sexa doado seguir cada unha das 22 pezas seleccionadas para a ocasión, ás que se poderán sumar algunhas outras, no seu caso, por petición do público. A pretensión é que o Marín Canta cos Saljariteiros se convirta nunha expresión cultural e musical colectiva, no que todos os veciños interesados formen parte do evento desde dentro.
A duración do festival non está estimada con exactitude, xa que vai depender da fluidez coa que se desenvolva, da implicación do público e de que aínda se poidan engadir máis temas ao cancioneiro seleccionado inicialmente.
A organización convida a todos os veciños, e tamén á xente de vilas próximas que se queiran achegar, a participar e gozar co evento.