A homenaxe a John Balán convértese en moito máis que un festival
Por Oskar Viéitez
O "Son de Marín" converterase a partir da edición deste ano en moito máis cun festival, xa que contará con diversas actividades novas previas ao día da celebración. Mantendo sempre a filosofía de homenaxear ao mestre John Balan levando a música a boa parte das prazas da vila e lembrando a súa memoria, o obxectivo é que o evento vaia medrando e se consolide coma unha das citas máis destacadas do verán marinense.
O certame foi presentado este venres no Concello.
Este ano o "Son de Marín" terá lugar o día 16 deste mes, aínda que as actividades previas xa comezarán o vindeiro luns, día 4, cunha exposición fotográfica na Alameda Rosalía de Castro, continuarán a vindeira fin de semana coa proxección dun documental homenaxe a John Balan no Cine Seixo a partir das 19.30 horas, e o segundo na Biblioteca Pública de Marín desde as 20.30 horas.
Outra das grandes novidades do "Son de Marín" é a posta en marcha do Festival Marín Canta cos Saljariteiros, que se levará a cabo o venres 15 a partir das 21.00 horas, véspera do evento central, na Alameda Rosalía de Castro e no que se convida a participar, xa desde este momento, a todos os veciños e visitantes que se sintan con ganas de cantar pezas tradicionais e populares e pasar unha noite de diversión.
O "Son de Marín" propiamente dito celebrarase o sábado 16, comezando ás 10.00 horas e rematando máis alá da medianoite. O programa deste ano conta cunha importante variedade de estilos e ata 17 actividades diferentes, incluida a tradicional degustación da Torta de Aniversario, que terá lugar ás 18.00 horas no Parque Eguren.