O alixo de heroína de Caldas, de 65 quilos, é o maior comisado en España nos últimos anos
Por Redacción
A operación conxunta da Udyco da Policía Nacional e a Axencia Tributaria desenvolvida días atrás nun polígono industrial de Caldas de Reis permitiu comisar un alixo de 65 quilos de horoína, "a maior cantidade de heroína comisada no noso país nos últimos anos", segundo sosteñen as forzas de seguridade.
A Policía Nacional e a Axencia Tributaria difundiron este mércores a primeira información oficial sobre a operación, na que dan por desarticulada unha organización dedicada ao tráfico de heroína coa detención de once persoas, entre elas, o principal responsable.
Dos once detidos, cinco son españois, outros cinco teñen nacionalidade búlguera e un ten orixe portuguesa. Como grupo, utilizaban as vías de distribución galegas para o posterior traslado da droga ao resto de España e a Portugal desde Bulgaria.
Todos os detidos ingresaron en prisión por orde xudicial. Ademais, realizouse un rexistro da nave na que apareceron 118 paquetes con 64 quilos de heroína, 60.000 euros en efectivo, 15 teléfonos móbiles e catro vehículos, entre os que se atopa o camión tipo tráiler no que ocultaban a droga.
Os detidos españois e portugués eran supostamente os encargados da recollida da heroína e a súa posterior entrega, realizando ademais labores loxísticos como o aluguer de inmobles para a ocultación do estupefaciente e das furgonetas para o traslado da droga ou conseguir as ferramentas necesarias para a súa actividade ilegal. Elixiran unha nave industrial de Caldas para esconder un camión tipo tráiler, en cuxo interior se ocultaba a heroína e pretendían trasladar a droga a outra furgoneta para levala despois a un lugar máis seguro fóra da devandita nave.
Dous dos detidos búlgaros eran os responsables da condución do camión no que transportaban o estupefaciente e os outros tres daban seguridade na operación de narco transporte. A organización adoptaba importantes medidas de vixilancia para evitar ser detectados, tanto nos seus desprazamentos como nas súas comunicacións.
A investigación iniciouse en 2016, cando os axentes detectaron que un grupo criminal hispano-búlgaro estaría a tratar de introducir en España unha importante cantidade de sustancias estupefacientes desde América do Sur.
Nesta ocasión o grupo, composto polos once individuos detidos, tentaba o traslado de importantes cantidades de heroína cara a España desde Bulgaria. Para iso, utilizaban as vías de distribución galegas e logo transportaban a droga polo resto do noso país e Portugal.
Relacionadas:
-
O xulgado finaliza a investigación sobre o alixo de 60 quilos de heroína incautado en Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Ortiz destaca a importancia do operativo policial en Caldas para obter un alixo de 60 quilos de heroína
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Varios detidos e intervida unha importante cantidade de heroína nunha operación antidroga en Caldas
Por Redacción |