O Seprona e Sanidade precintan case 400 quilos de carne que se ía servir na Festa do Potro de Meis
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Consellería de Sanidade e a Garda Civil precintaron preto de 400 quilos de carne que estaban a preparar na cociña do colexio público de Mosteiro para servir este martes na XVII FestaGastronómica da Carne de Potro de Meis.
Fontes próximas á investigación indicaron que o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil detectou as irregularidades e puxeron a situación en coñecemento da Consellería de Sanidade. Cando chegaron, a carne xa empezaba a ser cociñada, algunha mesmo xa estaba preparada e outra lista para iniciar as tarefas.
Os inspectores tanto do Seprona como, posteriormente, de Sanidade detectaron que non se podía seguir a trazabilidade da carne desde o seu sacrificio, de modo que se constata unha irregularidade que impide servir a carne.
PontevedraViva tentou en varias ocasións poñerse en contacto cos organizadores da festa para confirmar se o evento segue adiante, pero descartaron responder as súas preguntas.
A carne que se paralizou correspóndese con sete poldros sacrificados nun matadoiro do Salnés para a festa seguindo todas as condicións sanitarias requiridas, pero que logo foi manipulada sen garantías.
Así, segundo puido saber este xornal, os 400 quilos de carne resultantes foron cortados en anacos no colexio de Mosteiro, un lugar que non reúne as condicións hixiénicas e sanitarias para a súa manipulación.
A Consellería de Sanidade indicou que o seu servizo de Control de Riscos Ambientais da Xefatura Territorial de Pontevedra e o Seprona inmobilizaron preventivamente a carne "por falta de garantía sanitaria".
Os responsables desta mercadoría non presentaron a documentación que acreditara o correcto almacenamento, manipulación e despece da carne, polo que non se pudo garantir a súa trazabilidade e o mantemento da cadea de frío.
Técnicos veterinarios da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra notificaron oficialmente dita intervención ás administracións local, provincial e autonómica.