Combarro celebrará San Roque 2017 con nove días de festa
Por Anxo Lourido
34 anos cumpre a Semana Cultural San Roque e 40 de existencia o colectivo que a organiza, o Ateneo Corredoira de Combarro. Por iso este ano decidiron que ao longo de nove días haxa múltiples actividades para todos os públicos, ademais dunha recoñecida homenaxe ás persoas que foron determinantes no nacemento desta asociación e na organización das festas patronais.
Este venres a partir das nove comezarán os actos de celebración coa lectura do pregón a cargo do director do Faro de Vigo, Juan Carlos Dasilva para, a continuación, realizarse a entrega do Mexilón de Ouro para Francisco Dasilva, Juan Clemente Rosales e Gonzalo Freire, primeiros directivos do Ateneo e a María del Carmen Pousada e Asunción Fernández, encargadas da organización durante anos destas festas. Así o explicaba Juan Manuel Pérez González, presidente desde hai 20 anos do Ateneo Corredoira durante a presentación no Concello de Poio, acompañado pola concelleira de Festas, Lidia Salgueiro.
Esa mesma noite inaugurarase a exposición de maquetas de barcos na sala Jerónimo López do Ateneo e haberá música a cargo do trío Azabache, ademais dunha queimada.
O sábado celebrarase o primeiro certame de 'Pintura na rúa' para, á tardiña, desenvolver actuacións musicais co grupo de gaitas O Cruceiro e a batucada de Os Queimatasas. Na Escola do Campo proxectarse a película 'Cazafantasmas'.
Durante o domingo pola tarde haberá inchables no parque infantil e a partir das 23.00 horas proxectarase 'Un monstruo viene a verme' na Escola do Campo. O luns 14 chegará a Festa do Mexilón na praza da Chousa, que continuará o martes 15 con, entre outras actividades, a tradicional baixada da Virxe da Renda desde a capela ata a igrexa de San Roque.
O mércores celébrase a festividade patronal coa misa solemne e unha festa popular na praza da Chousa. As actividades continuarán ata o domingo 20 de agosto con actuacións como as dos humoristas Isabel Risco e Pedro Brandariz, ademais da proxección da webserie 'A última pedra', rodada por veciños de Poio. O sábado será a xornada dedicada ao Festival de Folclore coa intervención de Vides Novas, La Seda, Os Berberechiños e Amigos de Longos Vales de Monçao.
O orzamento para estas actividades é de 9.500 euros, similar ao de edicións anteriores. Como é habitual tamén se publica unha revista con opinións e reportaxes sobre Combarro.