Un taxista localiza un home deambulando por Xustáns e pescudan que é un presunto ladrón fuxido
Por Natalia Puga
O aviso dun taxista e a intervención dunha patrulla da Garda Civil permitiron este luns a detención dun home que estaba a ser buscado pola Policía Nacional por un roubo en Pontevedra.
Todo ocorreu ao redor das 17.00 horas. Un taxista que realizaba un servizo na parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas, atopouse polo camiño cun home que deambulaba pola estrada nas inmediacións do cemiterio.
O taxista alertou ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 e, tras o aviso, desprazouse ao lugar unha patrulla da Garda Civil. Unha vez alí, confirmaron que había un home desorientado e que presentaba pequenas feridas, de modo que se decidiu o seu traslado ao Hospital Montecelo.
Unha vez no centro sanitario, saíu á luz que o home desorientado estaba a ser buscado pola Policía Nacional. Trátase do presunto autor dun roubo nun establecemento comercial pontevedrés, de modo que, como tal, deberá render contas ante o Xulgado de Garda de Pontevedra.