O home que apareceu deambulando por Xustáns, sospeitoso de furtar 662 euros e estrelarse cun coche
Por Natalia Puga
O home que na tarde do luns foi localizado por un taxista deambulando polas inmediacións do cemiterio de Xustáns, en Ponte Caldelas, e posteriormente identificado como sospeitoso dun roubo nun establecemento comercial pontevedrés tivera un accidente previamente na Fracha e fuxía tras presuntamente furtar na panadería na que traballaba.
Os datos, que van saíndo á luz aos poucos, levárono a prestar declaración na Comisaría Provincial da Policía Nacional de Pontevedra, pero pouco despois quedou en liberdade á espera de que o cite o Xulgado de Garda.
Todo ocorreu ao redor das 17.00 horas do luns. Un taxista atopouse polo camiño cun home que deambulaba pola estrada, alertou ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 e, tras o aviso, desprazouse ao lugar unha patrulla da Garda Civil. Unha vez alí, confirmaron que había un home desorientado e que presentaba pequenas feridas, de modo que se decidiu o seu traslado ao Hospital Montecelo.
Xa en Montecelo destapouse todo. Cando alertaron á Comisaría da súa localización, comprobouse que a responsable dunha panadería de Salcedo estaba a presentar denuncia por un furto no seu establecemento cuxo presunto autor era o home ingresado en Montecelo.
O home traballaba nesa panadería e levou 662 euros ao descoido. A continuación, colleu o coche da súa parella e tivo un accidente, deixándoo abandonado no miradoiro da Fracha. Alí foi localizado pola Policía Local de Pontevedra sobre as 21.55 horas do mesmo luns.
Segundo as informacións policiais que transcenderon, o home estaba sometido a un tratamento de desintoxicación porque era consumidor habitual de drogas. Aparentemente, tras o furto e ata que foi localizado polo taxista e a Garda Civil, consumiu cocaína.