A Deputación mellorará o estado da estrada Peso-Caroi, na Lama
Por Redacción
A estrada EP-0307, entre Peso-Caroi, será renovada pola Deputación. Esta obra, segundo a institución provincial, garantirá a estabilidade da estrada tras os temporais de chuvia deste inverno que, xunto co paso continuo de camións pola zona, produciron danos irreversibles nesta vía da súa titularidade.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez subliñou que a actuación xurdiu por indicación dos técnicos do departamento tras obstruírse parcialmente a drenaxe habilitada para deixar pasar as augas dun regato baixo a estrada.
Segundo os técnicos, faise imposible reverter o mal estado desa construción, o que podería orixinar un asolagamento da zona augas arriba co conseguinte risco de desbordamento do regato por riba da estrada.
Así mesmo, tamén indican que "é inminente o afundimento total, o que deixará aos habitantes da zona de Caroi nunha situación moito máis complicada para chegar aos núcleos de A Lama, Ponte Caldelas ou Fornelos de Montes, por poñer varios exemplos".
Ante esta situación, a Deputación de Pontevedra decidiu substituír a obra de drenaxe actual por unha nova estrutura que garanta o desaugue do regato e que, ao mesmo tempo, garanta tamén a estabilidade estrutural da estrada fronte ao paso de vehículos pesados.
Esta obra ten un orzamento de licitación de 100.000 euros e está en fase de contratación, téndose recibido 15 ofertas de empresas interesadas na súa execución. A adxudicación final estará lista en breve, podendo iniciarse a obra despois do verán. Ten un prazo de execución de dous meses.
Por outra parte, a Deputación tamén realizará a reparación de danos ocasionada polo afundimento dos noiros situados nos puntos quilométricos 0+200 e 1+700 na estrada provincial EP-0303 Gaxate-Ermitas, nunha zona moi próxima ao leito do Regueiro das Ermidas -afluente do río Oitavén-.
A construción de dous muros de sostemento e a colocación dunha barreira de seguridade está motivada principalmente polos danos na estrutura da estrada, que comprometen a estabilidade da mesma e a seguridade dos usuarios da vía. O orzamento desta obra, que tamén ten un prazo de execución de dous meses, alcanza os 26.860,16 euros.
Relacionadas:
-
As obras da curva de Barbeira de Arriba provocarán o peche da estrada Escuadra-Caroi
Por Redacción |
-
A Deputación obterá imaxes en 360 graos dos 1.700 quilómetros de estradas pontevedresas
Por Redacción |
-
O PP reclama melloras para as estradas provinciais de Barro, Campo Lameiro, Ponte Caldelas e A Lama
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde da Lama está satisfeito coa colocación de lombos nas estradas provinciais
Por Oskar Viéitez |
-
Á espera da rehabilitación de Ponte Verdugo para que o Concello da Lama asuma a súa titularidade
Por Redacción |