Dúas empresas encargaranse a partir de agora do mantemento dos colexios municipais
Por Alejandro Espiño
Os traballos de mantemento nos colexios de Pontevedra poderán ser realizados, segundo o Concello, dunha maneira máis rápida e efectiva. Dúas empresas repartiranse os centros educativos e responderán ante as peticións que realicen desde o goberno municipal.
Trátase de Acevi SL e GPD, que se encargarán destas obras nos colexios da zona norte e sur da cidade, respectivamente, tras adxudicarse os contratos que licitou o Concello.
Recibirán por estes traballos 100.000 euros anuais cada unha durante o próximos catro anos. Irán liquidando as obras que realicen ata ese tope, aínda que debido ás melloras ofertadas ambas as empresas asumirán ata 130.000 euros nestes traballos.
Con esta licitación, segundo Raimundo González, "gañamos en sinerxias, en eficiencia económica e aforramos na burocracia", ao non ter que contratar cada obra por separado.
Ademais, a Xunta de Goberno deste luns resolveu adxudicar á empresa EC Casas a mellora do aparcadoiro do Recinto Feiral, por 228.541 euros e acordou facer efectiva a subida de soldo do 1% aos seus funcionarios, seguindo a orde do Goberno central. Supoñerá un extra de 151.000 euros ao ano ás arcas municipais.
O Concello tamén acordou licitar un contrato de dous anos para que unha firma especializada siga realizando inspeccións ás empresas que facturan máis dun millón de euros ao ano, debendo pagar o imposto de actividades económicas (IAE). Destinaranse case 72.000 euros.
Raimundo González explicou que o contrato actual permitiu incrementar o padrón de contribuíntes un 15%, ata os 1,8 millóns de euros anuais, e lograron cobrar en atrasos e actualizacións 1,4 millóns. Ademais, detectáronse seis empresas que non estaban dadas de alta no padrón deste imposto.