Sanxenxo estrea esta fin de semana un novo dispositivo para mellorar a seguridade na movida
Por Redacción
Sanxenxo estreará esta fin de semana un novo operativo deseñado para mellorar a seguridade nas zonas de copas, o porto deportivo e Portonovo, que concentran a movida nocturna do municipio.
O operativo incluirá o despregamento dun furgón de atestados que permanecerá todas as noites aparcado na entrada ao porto deportivo cun dobre obxectivo, facilitar a presentación de denuncias e disuadir de comportamentos incívicos.
Ademais, un equipo de 15 policías encargarase de vixiar a seguridade nas zonas de copas, en quendas de cinco, e está xa en marcha un novo reforzo de dez auxiliares de policía que se suman aos 24 que xa prestan os seus servizos desde xuño. Este verán o Concello contratou o dobre de auxiliares que o ano pasado, 34 fronte a 17.
De forma paralela, a parada de taxis trasladarase entre as 5.00 e as 8.00 horas das noites dos venres e os sábados á rotonda que hai na entrada ao parking do porto deportivo.
As medidas analizaranse cada martes e xoves nunha reunión na que estarán presentes o alcalde, Telmo Martín, e o inspector xefe da Policía Local. Faranse os axustes necesarios para mellorar a seguridade. Ademais, concelleiros do goberno e o propio alcalde estarán na rúa de noite, especialmente entre as 4.00 e as 8.00 horas, para comprobar directamente a eficacia de todas estas medidas.