A II Festa Gastronómica da Emigración, esta fin de semana en Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas está a ultimar os preparativos para a celebración, esta fin de semana, a segunda Festa Gastronómica da Emigración. Nela, haberá doce propostas culinarias dos países relacionados coa emigración galega ao prezo único de 5 euros.
A principal novidade deste ano está na reorganización das datas, pois pásase do formato de sábado e domingo, a outro que arranca coa cea deste venres, día 7, abrangue xantar e cea de sábado, e remata co xantar do domingo.
Esta reestruturación prodúcese a proposta dos propios hostaleiros e para tirar o máximo partido da fin de semana. Ademais, óptase por introducir un matiz de solidariedade a través da entrada de Cáritas.
O goberno local deu preferencia á hostalería local para ocupar os stands de comida e só en caso de que non se cubrira a gastronomía dun país concreto ou por existencia de vacantes abriría as portas aos establecementos de fóra.
Así, a pesar de que houbo moitas solicitudes chegadas dende fóra de Ponte Caldelas, tan só se admitiu (ao igual que o ano pasado) ao mesón Porteliña (Poio), que ofrecerá un rodicio brasileiro.
O resto da proposta está integrada polos locais Alalá (gastronomía venezolana), Verdugolandia (cun prato uruguaio), Klimbin (que presentará unha feixoada brasileira), O Recanto (cun “hot dog” de Estados Unidos), o Mesón Mexicano de Tourón (México) e dúas panadarías locais (Acuña e Pecas), con todo tipo de postres e empanadas, xunto cun posto de polbo á feira, representando á propia gastronomía galega.
Ademais, a asociación cultural de Chaín preparará callos (cociña galega) e a agrupación cultural Aires del Norte y Olé ofrecerá pratos de xamón ibérico, con pan e viño.
O enfoque solidario chega coa presenza de voluntarios de Cáritas de Ponte Caldelas que elaborarán unha paella (gastronomía española). Todos os beneficios que obteñan terán un destino social. Unha metade destinarase a proxectos e programas destinados aos inmigrantes e a outra metade será doada a Cáritas Venezuela.
Ademais do pracer gastronómico, a Festa da Emigración é tamén un evento cultural e social, que se redondea coa actuación dun grupo de batucada brasileira e polas roldas que, para amenizar as veladas nocturnas, realizarán dous grupos de mariachis.
O Concello dá por feito que se acadará a ocupación total da Alameda, como xa sucedeu o ano pasado. Sen embargo, en previsión do acaecido na estrea deste certame xa se conta coa instalación de 1.200 cadeiras, 400 máis que o ano pasado, que darán capacidade suficiente para atender a demanda.
Relacionadas:
-
A Festa Gastronómica da Emigración de Ponte Caldelas serviu 15.000 pratos
Por Oskar Viéitez |
-
As festas de Ponte Caldelas, un polo de atracción de visitantes
Por Redacción |
-
A Festa Gastronómica da Emigración tivo un impacto económico duns 75.000 euros
Por Redacción |
-
A emigración, protagonista na nova festa gastronómica de Ponte Caldelas
Por Redacción |