O Concello rebate a denuncia do PP de que os coches municipais estiveron un mes sen seguro: "Non é certo"
Por Natalia Puga
O goberno local de Pontevedra sacou a relucir este mércores un documento co que rebate a denuncia do concelleiro do PP César Abal de que o Concello mantivo durante máis dun mes os vehículos municipais sen o seguro obrigatorio. A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, foi contundente ao asegurar que "non é certo" e tamén ao recriminar a falta de seriedade demostrada polos 'populares' ao sacalo á luz sen documentarse previamente.
Da Silva explicou que o contrato vencía a finais do mes de abril e finalmente renovouse a finais de maio, pero durante ese mes os coches estiveron asegurados, pois a lei de seguros garante a cobertura durante un mes no que se renovan os contratos e, ademais, no caso concreto de Pontevedra, tiñan un documento asinado coa empresa aseguradora garantindo esa prórroga.
Así, con data 28 de marzo, un mes antes de que vencese o contrato, "cumprindo con todos os prazos previstos no contrato dos seguros do Concello", a empresa aseguradora mostrou por escrito a súa conformidade coa prórroga do contrato. A partir dese momento de marzo, empezouse o procedemento para a prórroga que finalmente se ratificou en maio e tamén a partir dese momento "o Concello xa ten a conformidade da empresa de que se continúa, que acepta a prórroga do contrato", de modo que se considera que a cobertura segue.
Segundo explicou, "todo ou contrato se tramitou conforme á lexislación". Carme da Silva non ten ningunha dúbida de que durante ese mes ao que refire o PP "hai cobertura absoluta de todos os coches do Concello" e "en ningún momento estivo sen cobertura". De feito, estiveron dados de alta sempre na base de datos da DGT e ese mes de seguro pagouse.
A concelleira considera que o PP, antes de realizar a denuncia pública sobre este tema, debería ter "a responsabilidade de documentarse correctamente", pois unha afirmación de tal calibre pode xerar alarma social entre os pontevedreses que teman que os vehículos municipais circulen sen seguro e tamén pode provocar enfado entre a cidadanía, pois lembra que a propia Policía Local ten en marcha unha campaña para evitar que se conduza sen ITV nin seguro e non sería serio que o Concello incorrese nesa actuación.
"Son declaracións que non teñen importancia porque non son certas, pero o que non se pode é estar a trasladar á sociedade ese tipo de información cando non é certo", critica Da Silva, que considera que ese xeito de facer oposición "non é serio".