O PP denuncia que o Concello de Pontevedra mantivo os vehículos municipais sen seguro durante máis dun mes
Por Oskar Viéitez
O concelleiro do grupo municipal do Partido Popular, César Abal, desvelou este martes que "o goberno de Lores mantivo durante máis dun mes os vehículos municipais sen o seguro obrigatorio".
O contrato do seguro obrigatorio dos vehículos a motor do Concello de Pontevedra e os seus entes dependentes, valorado en 50.000 euros anuais, finalizou o pasado 30 de abril e a comunicación da prórroga contemplada no prego de cláusulas administrativas particulares "chegou fóra de prazo". Esta situación motivou, segundo o PP, que os técnicos municipais advertisen de que o contrato se atopaba vencido e xa non cabía posibilidade de prorrogalo, senón que habería que formalizar un novo contrato.
"O costume do BNG de Lores de funcionar levantando reparos apelando ao interese xeral do servizo a prestar, provocou que durante máis dun mes estivésemos incumprindo a lei", sinalou este martes o concelleiro popular, César Abal. "Durante máis dun mes todo o parque móbil do Concello de Pontevedra estivo en situación de inseguridade xurídica, ata que por fin logrouse formalizar a nova prórroga, entrados xa no mes de xuño", desvelou.
Os populares lamentan que "se durante ese tempo no que os vehículos municipais non estaban asegurados chega a ocorrer algún accidente grave, nos atopariamos cunha máis que probable resolución do contrato por parte da adxudicataria do servizo, tendo que asumir directamente o Concello de Pontevedra toda a cobertura", apuntou o edil popular, "sen dúbida este incumprimento da lei por parte do goberno de Lores provocou un risco importante non só para as arcas municipais, senón, e isto é o máis preocupante, para a seguridade".
"O seguimento dos grandes contratos -e non tan grandes- que o Concello de Pontevedra ten coas diferentes empresas adxudicatarias é de obrigado cumprimento por parte dos concelleiros responsables de cada área. É algo inherente ao seu cargo e dedicación e non se pode tolerar esta desleixo continuo das súas obrigas", sentenciou César Abal.