Estudan que os traballadores e autónomos de Sanxenxo aparquen no verán na praza do Mar a prezos alcanzables
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo estuda a posibilidade de que o aparcadoiro provisional da praza do Mar se destine a persoas que traballan na localidade, para que o poidan usar exclusivamente durante o seu horario laboral.
O aparcadoiro ten 208 prazas debuxadas, nas que se inclúen sete específicas para persoas con mobilidade reducida e seis especiais de carga e descarga. A proposta municipal é destinar 175 prazas para os traballadores e 20 para usos varios.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, na actualidade hai 52 abonados, todos persoas que traballan en Sanxenxo e que no inverno utilizan o aparcadoiro de Nauta.
O goberno baralla unha tarifa plana moi alcanzable por toda a tempada de verán, non podendo contratarse datas partidas. Nauta resérvase o dereito de uso da praza para eventos pechando o aparcadoiro e a partir do 20 de agosto non se poderá utilizar debido á montaxe das festas patronais.
As prazas de aparcadoiro asignaranse por orde de solicitude ata completar o tope dispoñible. Nauta terá perfectamente identificadas a todas as persoas que fan uso deste servizo e ese cartón será persoal e intransferible.
Para poder solicitar este uso das prazas da praza do Mar, os usuarios deberán acreditar coa documentación que Nauta Sanxenxo considere oportuna que é traballador ou autónomo na vila. Cada usuario terá un cartón personalizado cos seus datos e horario no que pode facer uso do aparcadoiro, asignada a unha praza en concreto.