Rexeitan a proposta de Telmo Martín de reducir o prezo do parking da Praza do Mar a autónomos e empregados
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo non puido contar cos apoios necesarios no consello de administración de Nauta para poder rebaixar o prezo a autónomos e empregados no aparcadoiro da Praza do Mar.
O alcalde Telmo Martín sinala que mantivera aos membros do consello de administración de Nauta cos que contara o goberno anterior e por este motivo a oposición conta con maioría no Consello de Nauta. Desta forma, tombouse a proposta do rexedor que quería beneficiar cunha tarifa reducida aos veciños que traballan en Sanxenxo e a aqueles que teñen un bono todo o ano, agás xullo e agosto, no aparcadoiro cuberto.
Esta proposta tiña un tope de 85 prazas de tarifa reducida e a elas poderían optar os traballadores que quixesen asegurarse unha praza desde o 1 ao 20 de agosto por oitenta euros. O bono tería un custo diario de catro euros, IVE incluído.
Con todo, a maioría decidiu manter a tarifa para o aparcadoiro de 15 euros ao día sen diferenciar entre usuarios esporádicos e traballadores de Sanxenxo.