A empresa que construiu o novo Pasarón ampliará agora a UNED
Por Natalia Puga
A ampliación das instalacións da UNED en Pontevedra comezará a executarse despois de Semana Santa e realizaraa a empresa Oreco SA, responsable das polémicas obras de construción do novo estadio de Pasarón, que se orzamentou en 7,2 millóns de euros e acabou disparándose ata os 15,9.
A obra adxudicouna este venres a Xunta de Goberno de la Deputación Provincial de Pontevedra, a mesma institución que encargou a Oreco a construción de Pasarón.
A adxudicación foi resultado dun concurso público e custará 284.250 euros. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, deu conta da adxudicación indicando que para contratar a obra se convocou un concurso público ao que se presentaron 17 empresas, das cales tan só sete pasaron a criba de cumprir con todos os requisitos.
Á preguna directa dos medios de comunicación sobre a coincidencia desta empresa como adxudicataria das obras de Pasarón e da UNED, Louzán limitouse a recoñecela, pero non achegou maiores explicacións que as cifras económicas da licitación.
A empresa Oreco presentou unha oferta cunha redución do 16% sobre o orzamento de licitación de 338.389 euros, cifra rechamante se se ten en consideración que a baixada media das empresas presentadas se situou no 8,95%.
A obra consistirá na construción dun edificio anexo ás actuais instalacións da UNED en Monte Porreiro que terá como fin primordial acoller os exames que de forma periódica se celebran no centro universitario pontevedrés e que congregan uns 4.500 alumnos por cada grupo.
Louzán engadiu que "abrirase ao barrio", de modo que tamén poderá ser utilizada por colectivos sociais e culturais de Monte Porreiro.