Suspenden o xuízo ao non presentarse o avogado do acusado de vender dúas veces o mesmo piso en Poio
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra aprazou para o próximo 13 de xullo o xuízo que estaba sinalado para este xoves contra o administrador dunha empresa pontevedresa, R. C. P., acusado dun delito de estafa por, supostamente, vender dúas veces o mesmo piso situado en Poio.
O motivo da suspensión da vista foi a incomparecencia do avogado do acusado. A sesión xa arrancaba cunha hora de atraso porque o propio acusado tampouco se presentou ante o tribunal polo que foi requirido para que acudise á sala. Cando chegou fíxoo acompañado dunha avogada que non era a titular.
O letrado da acusación particular, Sergio Amadeo, entende que existiu mala fe por parte da defensa.
Segundo o escrito do fiscal, en decembro de 2006 o promotor inmobiliario vendeu un piso con praza de garaxe e trasteiro pola cantidade de 144.242 euros. O comprador chegoulle a realizar tres entregas de 6.240 euros, 6.000 euros e 60.000 euros pero non puido completar a compra ao falecer o 8 de novembro de 2007, sendo declarados herdeiros os seus pais que tamén faleceron posteriormente.
A Fiscalía sostén que o acusado vendeu novamente o inmoble a unha terceira persoa sen resolver a venda anterior nin restituír as cantidades recibidas.
Para o fiscal os feitos son constitutivos dun delito de estafa polo que pide tres anos de prisión para o acusado e que indemnice en 72.420 euros aos herdeiros do primeiro comprador. A acusación particular eleva a petición de condena a 9 anos.