A Brilat empeza a concretar as súas próximas misións: serán Mali e Líbano simultáneas en novembro de 2018
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
O xeneral Antonio Romero Losada estreouse este mércores presidindo a primeira parada militar da Brilat Galicia VII desde que asumiu o seu mando o pasado mes de abril e fíxoo no que cada ano é o acto central da base General Morillo, o anivesario do primeiro aerotransportable e, por tanto, da Brigada. O acto serviu, así mesmo, para anunciar que se están concretando os detalles das próximas misións internacionais dos militares pontevedreses. Serán en novembro do ano 2018.
O xeneral xa anunciara o día que asumiu o mando que irían a Afganistán, Mali ou Líbano en 2018 e agora concretou que serán Líbano e Mali en novembro do ano próximo. Segundo indicou, "aún no ha empezado el adiestramiento específico para esas misiones", pois queda aínda máis dun ano, pero "ya está perfilado". Queda moito tempo e pode haber algún cambio, pero prevese que sexan dúas misións simultáneas.
En Líbano asumirán tarefas de vixilancia para que se cumpran os acordos de Nacións Unidas e en Mali participará na instrución do exército do país. Son misións que esixen "un esfuerzo grande" por parte dos efectivos militares, pero o xeneral Romero está "convencido de que lo harán de maravilla". Ademais, recorda que son misións coñecidas nas que a Brigada xa estivo no pasado e "no van a sorprender a nadie".
A Brigada está moi preparada e, cando chegue o momento, os efectivos para despregar farán o adestramento específico, pero, de momento, están centrados noutros mesteres. En poucas semanas comezará unha nova operación Centinela Gallego de prevención e disuasión dos incendios forestais en colaboración coa Xunta de Galicia.
Segundo indicou o xeneral Romero, xa está todo previsto e tan só están a ultimar os detalles. A misión será "similar a otros años", aínda que cabe a posibilidade de que se aumenten en dúas as patrullas que se despregarán polos montes galegos para disuasir aos incendiarios e alertar dos lumes que poidan iniciarse.
A parada militar celebrouse ao mediodía na base General Morillo de Figueirido baixo un sol de xustiza e incluíu o desfile de 1.500 militares da Brigada e 46 condecoracións. Ademais, nomeouse cabaleiro Azor ao empresario de Pontevedra Jorge Pedrosa Silva e o coordinador xeral da Confraría do Cristo da Unción e A nosa Señora da Serenidade, José Fernández Gómez.
Trátase dun recoñecemento de carácter extraordinario que a Brigada outorga a aquelas persoas, civís ou militares, que "no seu quefacer diario e desde o máis absoluto desinterese demostrasen unha intensa relación persoal" coa Brilat que contribuíse ao recoñecemento público da unidade ou ao seu "coñecemento e aprecio por parte da sociedade" ou que prestase " apoio e servizos" persoais que contribuísen ao logro dos seus fins.
Ademais, a quen acudiu á base como público chamoulles a atención a presenza de elementos de seguridade no acceso ao acuartelamento que non eran habituais neste tipo de actos, tales como un cabalo de frisia instalado xusto ás portas da base.
Con todo, o nivel de alerta antiterrorista aplicado para a instalación militar, que se indica nun punto visible da caseta de acceso, está nun tramo baixo, o 'Alfa Plus' e fontes oficiais da Brigada aseguraron que non se está aplicando ningunha medida de seguridade extraordinaria polos últimos atentados, senón que seguen nos mesmos niveis de meses atrás. Nos últimos meses xa se empezou a colocar este tipo de elementos de seguridade noutros puntos de acceso á base e este mércores instalouse o da porta principal.
Relacionadas:
-
A Brilat despide os máis de 800 militares que iniciarán misións en Líbano e Mali a partir de novembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Brilat ultima en Zaragoza a preparación para a súa inminente misión en Líbano con militares de Brasil e Serbia
Por Redacción |
-
"Os pontevedreses senten a Brilat como algo que forma parte de Pontevedra, gústenlle máis ou menos os militares"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O xeneral Cebrián despídese da Brilat: "No sé si seré reconocido como pontevedrés de toda la vida, pero yo me siento"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- O azor sobrevoa a Alameda no 50 aniversario da creación da Brilat
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
A Brilat dá por concluída a misión en Mali
Por Redacción |