VÍDEO.- O azor sobrevoa a Alameda no 50 aniversario da creación da Brilat
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
A Alameda e a contorna das Palmeiras enchíanse de público durante o mediodía deste domingo 9 para asistir á parada militar da Brigada de Infantería Lixeira Galicia VII. O evento encádrase na conmemoración do 50 aniversario da creación da Brilat con base en Figueirido (Vilaboa).
O 24 de xaneiro de 1966 creábase esta Brigada Aerotransportable e en 1988 adquiría a denominación de Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable, incorporándose o Rexemento "Príncipe" número 3, situado en Asturias. En 2006 pasou a integrarse nas Forzas Terrestres como Forza Lixeira. Durante este medio século de existencia participaron en 17 misións internacionais, principalmente en Bosnia Herzegovina, Kósovo, Afganistán e Líbano. A última levouse a cabo en Malí e finalizaba en 2015. Durante este período, 17 militares pertencentes a esta brigada perdían a vida e a eles dedicouse unha sincera homenaxe no acto celebrado no Paseo de Montero Ríos.
Neste evento estiveron presentes a escuadra de Gastadores do Rexemento de Infantería número 29; a Banda de Guerra da Brilat, o Rexemento de Infantería "Isabel a Católica"; o grupo de Cabalería "Santiago" VII; o Grupo de Artillería; o Batallón de Zapadores; o Batallón de Cuartel Xeral e o Grupo Loxístico. Un total de mil militares, que desfilaron na contorna da Alameda.
Durante o evento se condecoró co Premio Azor ao Concello de Tui, a través do alcalde Enrique Cabaleiro. E tamén recibiron o Premio Caballero Azor o subdelegado do Goberno, Antonio Coello; Luís López, do Restaurante Casa Pepe; Jesús Busto, presidente de honra da Orde do Camiño de Santiago; o Xefe de Protección Civil do Grove, Víctor Otero e Jesús Desbastado da asociación Retógenes.
O xeneral de Brigada, Luis Cebrián, no seu discurso fixo referencia á poboación civil que é "a razón última da nosa existencia" e agradecía a presenza do numeroso público. "España non require nestes tempos que todos os seus cidadáns empuñen as armas para defender a súa idependencia, a súa integridade territorial ou o seu ordenamento constitucional, pero todos os cidadáns teñen o deber de contribuír a eses fins coa súa participación de creación dunha sociedade forte, libre e xusta co seu traballo, cos seus impostos e co respaldo moral ás súas tropas", indicou o xeneral da Brilat ao referirse aos 148 civís que xuraban bandeira durante a parada militar. Cebrián fixo tamén un chamamento á honra e ao compromiso ao dirixirse ás tropas.
O acto contou coa presenza da presidenta do Parlamento español, Ana Pastor; co vicepresidente en funcións da Xunta, Alfonso Rueda; os conselleiros Rey Varela e Jesús Vázquez Almuíña; o presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices e a súa antecesora no cargo, Pilar Rojo, o delegado do Goberno, Santiago Villanueva; ademais do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Non asistiron a este aniversario a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, nin tampouco o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.
Tras a homenaxe aos caídos e o voo do azor, a mascota da brigada, que foi acollida cun forte aplauso polos asistentes, as tropas desfilaron polo paseo para finalizar os actos deste aniversario, que congreraron a atención dun amplo sector da poboación durante o fin de semana na Alameda.
Relacionadas:
-
Os 150 anos do rexemento Isabel la Católica levan á Brilat ao centro da cidade
Por Redacción |
-
A Brilat empeza a concretar as súas próximas misións: serán Mali e Líbano simultáneas en novembro de 2018
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
O Día das Forzas Armadas tamén chegará á Alameda cunha exposición de material da Brilat
Por Natalia Puga |
-
Restricións de tráfico na contorna da Alameda con motivo do 50 aniversario da Brilat
Por Redacción |
-
'Gladiadores' da BRILAT e campións do Mundo por equipos
Por Redacción |
-
Avanzan os preparativos para a celebración do 50 aniversario da Brilat
Por Redacción |