Rómpese a mediación e en Semana Santa haberá folga no sector da alimentación
Por Anxo Lourido
Cando xa case era media noite e despois de máis de 7 horas de negociación en Vigo, os sindicatos e a patronal da alimentación levantáronse da mesa e abandonaron a sala sen chegar a acordo. As partes rompen a mediación que asumía o Xefe provincial da Inspección de Traballo, José María Casas de Ron, despois de estar preto de chegar a un acordo.
Ás cinco horas de reunión, as conversacións parecían encamiñadas, por fin, a alcanzar un acordo que evitase a folga convocada polos sindicatos prevista a partir do próximo luns 25 nos establecementos do sector da alimentación que están suxeitos a este convenio. Non obstante, en apenas media hora volvéronse encistar as posturas debido a unha cuestión que parecía menor como era a dos días de lactación que se debían establecer no convenio.
A corda volveu tensarse a teor das pretensións dos representantes da patronal nun tema que, en principio, non parecía carrexarlle custo económico. Tras 20 minutos de receso que propuxo o propio Casas de Ron, os ánimos volveron avivarse e xa foi imposible reconducilos. A mediación rompíase ás 23:45 da noite e, segundo fontes sindicais, as distancias quedaron máis afastadas que nunca.
Con esta ruptura, a folga anunciada para a Semana Santa xa parece imparable. Os sindicatos, apoiados en varias ocasións polas asembleas de traballadores, cren que non hai outra solución para poder negociar un convenio colectivo xusto cos traballadores cando as empresas recoñecen que obtiveron un 7% de beneficio no último ano.
A folga está prevista para os días 25, 26, 27, 28 e 30 da próxima semana e só afectará aos establecementos que se acollen a este convenio, entre outros, Froiz e Gadis. Outras grandes empresas da alimentación como Carrefour ou Mercadona réxense por outros acordos e manterán a súa actividade habitual.
Relacionadas:
-
A Semana Santa empeza con folga de alimentación ao romper todos os intentos de negociación
Por Natalia Puga |
-
Nova chamada da patronal para buscar un acordo de última hora que evite a folga da alimentación
Por Anxo Lourido |
-
Froiz perderá arredor de medio millón de euros diarios coa folga da alimentación
Por Anxo Lourido |
-
Carlos Esperón de UGT: "Se hoxe a patronal da alimentación non ofrece avances, abandonamos a xuntanza"
Por Anxo Lourido |
-
Os sindicatos intentarán impoñer o xaxún toda a Semana Santa
Por Natalia Puga |