Ponte Caldelas, Marín e Bueu contan con praias sen fume
Por Redacción
As praias de Area de Bon e Lapamán (Bueu), Portocelo (Marín) e A Calzada (Ponte Caldelas) son catro dos areais que, en Galicia, teñen a consideración de praias sen fume. Forman parte dunha rede composta por 46 praias de 27 concellos galegos nas que o tabaco se atopa vetado.
O obxectivo da Xunta é que, nos próximos anos, todas as praias do litoral galego formen parte desta rede, un reto que "só acadaremos coa implicación de toda a cidadanía galega", explicou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.
Con esta rede de praias, os respectivos municipios en colaboración co goberno galego garanten que os usuarios destes areais poderán gozar do seu tempo de lecer lonxe do fume do tabaco.
A rede naceu cun fin educativo e de sensibilización social. Almuíña recalcou a importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, como figuras modélicas que son. Un claro posicionamento negativo ante o tabaco fará que moitos mozos non empecen a fumar, xa que a imitación da conduta dos adultos forma parte dos factores causais do inicio.
"Que a mocidade saiba que o normal é non fumar é un dos obxectivos da rede. Ampliar a delimitación do consumo ás praias, ámbito que non recolle a normativa actual, fainos avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, converténdose este entorno da praia en educativo e preventivo", salientou o conselleiro.
Pertencer á rede compromete ao concello a identificar e sinalizar as praias cos materiais idenfiticativos da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, difundiranse entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización e desenvolveranse no concello actividades ou accións encamiñadas a acadar unha sociedade libre do tabaco.
A avaliación dos resultados desta iniciativa pola poboación foi excelente, segundo a Xunta. Así, máis do 60% da poboación considera a iniciativa boa ou moi boa. O 57% pensa que debería ampliarse a outras praias e o 43,9% a outros espazos ao aire libre.