A praia fluvial da Calzada recibe usuarios de Special Olympics Galicia
Por Redacción
Medio cento de persoas con discapacidade intelectual chegadas de toda Galicia están a visitar a praia fluvial de Ponte Caldelas. Viñeron no marco dunha iniciativa da entidade sen ánimo de lucro Special Olympics Galicia.
A asociación organiza actividades de lecer para este colectivo durante a primeira quincena de xullo e escolleu esta paraxe caldelán para dúas das xornadas, contando coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas, que ofreceu todas as facilidades para o acceso e utilización dos recursos do areal, dotado coa bandeira azul.
O luns chegou o primeiro grupo con 35 persoas con discapacidade intelectual, acompañado de 10 monitores. Desprazáronse nun autobús e tamén cunha flota de furgonetas adaptadas. Durante a tarde do martes chegou outro grupo de 19 persoas e 12 monitores, no que se inclúen tamén algunhas persoas que utilizan cadeira de rodas.
O Concello proporcionou un espazo para o aparcamento do autobús e as 11 furgonetas do dispositivo de desprazamento e puxo a disposición dos visitantes o servizo de socorristas para garantir a seguridade, así como todos os servizos e instalacións complementarias da Calzada.
Special Olympics Galicia é unha organización xurdida no ano 1993, coa colaboración da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual (Fademga) co obxectivo de agrupar a 60 entidades e organizar actividades para 200 deportistas.
O seu obxectivo xeral é a inserción das persoas con discapacidade intelectual mediante a cultura, o deporte e calquera outra actividade.
Relacionadas:
-
Os participantes do campamento Special Olympics fanse gardas civís por un día
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Concello de Ponte Caldelas defende que a falta de socorristas é "un problema temporal" alleo á súa xestión
Por Redacción |
-
Os bañistas da praia da Calzada fórmanse en prevención de afogamentos
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas ultima os preparativos para a tempada de baño na praia da Calzada
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas, Marín e Bueu contan con praias sen fume
Por Redacción |