O PP apoiará o orzamento de Poio se Luciano Sobral se compromete a dimitir en caso de incumprilo
Por Redacción
O grupo municipal do PP de Poio votará a favor do proxecto de orzamento municipal para 2017 elaborado polo goberno local, pero ten unha condición para facelo. Só dará o seu apoio en caso de que o alcalde, Luciano Sobral, se comprometa a dimitir se non respecta as partidas de gasto.
O proxecto de orzamentos irá ao pleno da corporación o próximo martes 30 de maio. Catro días antes, o voceiro do PP, Ángel Moldes, anunciou esta decisión de apoio condicionado. Segundo indicou, "somos comprensivos e nin sequera lle pedimos que garantice os datos de investimentos, nin que renuncie a facer modificacións de crédito", pero si quere que garantan o cumprimento das partidas de gasto.
Para xustificar esta decisión, explicou que, como primeiro partido da oposición, e forza máis votada nas últimas municipais, queren "contribuír á estabilidade" do Concello e que Poio "dea unha imaxe de seriedade financeira". Iso si, o respaldo non é darlle carta branca, senón que esixen que "sexan creíbles e reflictan as contas reais do concello".
O voceiro do PP considera que nas contas presentadas á prensa nos últimos días o grupo de goberno do BNG utiliza os números "ao seu antoxo", presumindo de máis de dous millóns de euros de investimento cando no orzamento apenas hai 400.000 euros para investimentos, dos que máis de 300.000 son para pagar facturas xa rexistradas, pero que non poden contabilizarse por falta de partida.
Ademais, está sorprendido de que na presentación dos presupostos, o alcalde e o concelleiro de Facenda presumisen de que o Concello non ten débedas nin pide préstamos cando "todo o mundo sabe que o Concello de Poio ten seis millóns de euros de débedas" e hai apenas un mes a Deputación Provincial concedeulle un préstamo de 140.000 euros para unhas obras en Benigno Esperón.
Segundo explicou, non só o grupo 'popular' ten dúbidas sobre a veracidade do proxecto de orzamentos, xa que no informe preceptivo que acompaña ó texto, a interventora municipal fai varias advertencias sobre o importe de gastos. A técnico insta ao concello "a unha maior contención no gasto público", a "unha fixación de prioridades" e a "adoptar medidas orzamentarias e legais como a licitación suministros e servizos".