Poio empeza a afrouxar o cinto co novo orzamento municipal
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Poio acaba de presentar o seu orzamento para este ano que nas súas cifras globais é practicamente idéntico ao do ano pasado situándose nos 11,1 millóns de euros.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, recoñeceu que non é habitual que un concello presente o orzamento a finais de maio pero é que "tampouco é habitual que a interventora quede embarazada todos os anos" polo que a feliz noticia e a súa consecuente baixa de maternidade alterou a tramitación das contas do municipio para 2017, que se espera que poidan entrar en vigor no mes de xuño.
Os números do orzamento reflicten que o Concello de Poio empeza a afrouxar o cinto despois de pasar varios anos apertándoo coa crise.
Por primeira vez o concello non necesita pedir ningún préstamo. A capacidade de autofinanciación permitiulle que en sete anos a débeda municipal redúzase ata os 5,8 millóns de euros. No ano 2010 Poio estaba endebedado ao 105% e a día de hoxe estao en algo menos do 48%.
Para este exercicio afrontaranse investimentos por valor de 2,3 millóns de euros que proceden de recursos propios, algúns deles derivados de remanentes de tesourería, e tamén co diñeiro adxudicado por outras administracións, como o Plan Concellos da Deputación.
O alcalde, Luciano Sobral, destacou que o equipo de goberno conseguiu este bo resultado económico mantendo todos os servizos que se dan aos veciños e coas taxas e impostos municipais "conxelados" unha circunstancia que enmarcou na "baixa presión fiscal" do concello.
Relacionadas:
-
O PP pide ao Concello de Poio que estudie a baixada do IBI, auga e recollida de lixo
Por Oskar Viéitez |
-
O PP apoiará o orzamento de Poio se Luciano Sobral se compromete a dimitir en caso de incumprilo
Por Redacción |
-
O Concello de Poio presume dun superávit de 2,3 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |