Evitan as filtracións de augas pluviais en tres vivendas de Caritel
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas completou esta semana as obras de recollida de augas pluviais no centro da parroquia de Caritel, que permiten evitar as filtracións a tres vivendas situadas en lugares en pendente, así como a entrada incontrolada das escorreduras en diversas fincas e propiedades.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, os traballos permitiron evitar que as augas de choiva baixen descontroladamente e consistiron na instalación de varias tubaxes soterradas, con reposición de firme de formigón, colocación dunha grella transversal e varias laterais.
O alcalde, Andrés Díaz, supervisou os traballos e explicou que o goberno local tripartito está a solucionar moitos problemas na recollida das augas pluviais que se ten atopado por todo o municipio. Nos dous anos de mandato fixéronse máis de 20 obras deste tipo.
O Concello de Ponte Caldelas prevé volver actuar en Caritel cun importante paquete de obras municipais, que inclúe a mellora no deficiente acceso a unha vivenda na que reside unha persoa con problemas de saúde e á que non pode acceder un vehículo de emerxencias.