O arcebispado de Santiago arranxará o campanario de Caritel por 6.000 euros
Por Redacción
A xunta de goberno local de Ponte Caldelas concedeu a licenza para que se inicien os traballos de reparación da espadana da igrexa de Caritel, tal e como solicitara o Arcebispado de Santiago.
Desta forma, desde a institución eclesiástica poden comezar os traballos de maneira inmediata. O Concello para garantir a seguridade nesa contorna instalou un valo do perímetro e autorizou ao peche da metade da nave da igrexa, ante o risco que supoñerá a debilidade nesta estrutura construtiva da fachada, un campanario vertical, que soporta catro campás.
Ao tratarse dun edificio catalogado, a Dirección Xeral de Patrimonio tivo que revisar o proxecto da obra. O orzamento para estos traballos ascende a 6.000 euros e asumiraos integramente o arcebispado coa reparación completa da estrutura. O prazo de execución previsto sitúase en tres meses a partir do inicio das obras.
A pilastra que sostén os arcos presenta varias fendas, que son as causantes de desprendementos. Os traballos centraranse na retirada dos arcos e da pilastra, para a súa substitución por outra de nova fábrica. Recolocaranse as pezas que se atopen en bo estado, recuperando a configuración orixinal, segundo apuntan desde o goberno local.