Máis de 4.100 mozos participaron nunhas Noites Abertas que xa pensan en novos horizontes
Por Alejandro Espiño
Para Noites Abertas é tempo de avaliación e reflexión. Ábrese unha nova etapa para este programa municipal, que despois de alcanzar a súa maioría de idade -18 anos consecutivos- afronta a súa "independencia económica", segundo explicou o concelleiro de Xuventude, Alberte Oubiña. Dará un xiro, anunciou, cara propostas de lecer educacional.
Ata o de agora, Noites Abertas contaba cunha subvención do plan nacional de loita contra as drogas, que cubría preto do 70% do orzamento dun programa que este ano alcanzou os 101.642 euros. Con todo, non corre perigo. O Concello asumirá todo o seu custo e manterá a súa "aposta decidida" por este proxecto, que cualifican como "referencia" na comarca.
Nesta última edición participaron máis de 4.100 mozos nas 92 propostas ofertadas, repartidas en 26 días de actividades. Máis da metade de usuarios tiñan entre 16 e 25 anos, aínda que tamén houbo unha notable asistencia de rapaces de 12 a 16 anos. O 54,4% dos participantes foron homes e o 45,6%, mulleres.
O monitorado e os responsables municipais de Noites Abertas tomaron nota da consideración "moi positiva" dos participantes nas actividades, respecto á oferta, os espazos, materias e horarios e por riba de todo o traballo dos monitores.
O director do programa, Nacho Márquez, recordou que Noites Abertas é unha iniciativa flexible e en continua evolución e citou como un dos grandes retos para a próxima edición reformular a festa final do programa e avanzar nunha proposta de lecer educacional.
Ademais, incrementarase a promoción do programa a través das redes sociais, ao consideralas fundamentais no día a día dos mozos pontevedreses.
Relacionadas:
-
As actividades de Noites Abertas 2018 elixiranse entre 176 propostas
Por Redacción |
-
Se tes unha proposta para as Noites Abertas, xa podes presentala
Por Redacción |
-
Se xa non tes idade para as Noites Abertas, o teu son as Noites Puretas
Por Redacción |
-
O Fútbol 7 mixto, rei das Noites Abertas 2016
Por Redacción |