Bueu prohíbe as fogueiras de San Xoán en Area de Bon, Lagos, Portomaior e Lapamán
Por Redacción
Ningunha das catro praias que teñen Bandeira Azul en Bueu, Area de Bon, Lagos, Portomaior e Lapamán, poderán contar con fogueiras nas noites de San Xoán (23 de xuño) e San Pedro (28 de xuño), segundo confirmou o Concello.
Así, e tal e como se recolle no bando da Alcaldía publicado na web municipal, as persoas que desexen realizar cacharelas nestas noites máxicas, tanto en terreo público como privado, deberán entregar no Rexistro Xeral a súa solicitude.
No resto dos areais do municipio só se poderán autorizar dúas fogueiras por praia.
As cacharelas teñen que adaptarse ás características establecidas no bando da alcaldía, polo que estas deben realizarse en lugares despexados mantendo unha distancia de seguridade como mínimo de 25 metros das edificacións, liñas aéreas de servizos, mobiliario urbano e vehículos, e non deberá superar en ningún caso os 3 metros de alto.
Ademais, tampouco estarán permitidas nos espazos naturais protexidos do termo municipal.