Os maiores de Poio aprenden a garantir a súa seguridade
Por Redacción
O centenar de veciños que asisten aos cursos de memoria organizados en Poio recibirán formación a maiores para mellorar a súa seguridade a través dunha iniciativa da concellaría de Benestar Social e a Policía Local. Estará dirixida a toda a poboación maior do municipio, dun xeito especial aos que xa van a estes cursos de memoria.
A Policía Local e o Concello van promover encontros que terán como obxectivo principal evitar que as persoas maiores sexan vítimas de roubos, furtos, estafas ou timos, nos seus domicilios ou vías públicas, así como disuadir a terceiras persoas de cometer estes feitos delituosos.
O Concello lembra que os maiores adoitan ser un branco fácil para os ladróns, máis aínda se están sós na casa ou viven nunha zona afastada ou pouco frecuentada ou nunha comunidade de veciños envellecida.
A primeira actividade será o martes 30 de maio ás 10.00 horas na escola obradoiro da Seca e despois do verán retomaranse as charlas en Campelo, Vilariño, Combarro, Samieira, Raxó e a Casa Rosada. A entrada é libre e o Concello convida a que se sume toda a veciñanza, en especial a de maior idade.
O xefe de Policía Local, Antonio Duarte, será o encargado da actividade e falará de xeito distendido aconsellándolles aos maiores de Poio como extremar as precaucións e que non pequen de exceso de confianza. Ademais, incidirán na seguridade viaria coa colaboración da coordinadora de educación vial da DGT, Helena Rodríguez.