Maiores máis seguros na Seca
Por Redacción
O programa de formación posto en marcha pola concellaría de Benestar Social e a Policía Local de Poio para evitar que as persoas maiores sexan vítimas de roubos, furtos, estafas ou timos, tanto nos seus domicilios como nas vías públicas, botou a andar este martes na aula da escola obradoiro da Seca.
Os veciños que asisten aos cursos de memoria organizados na Seca foron os primeiros en beneficiarse desta actividade, aínda que tamén estaban convidadas á charla todas as persoas de idade interesadas en gañar confianza e seguridade na súa vida.
O xefe da Policía Local, Antonio Duarte, foi o encargado de dar as explicación necesarias na materia de seguridade cidadá e contou coa colaboración da coordinadora de educación viaria da DGT, Helena Rodríguez, que os asesorou nesta materia específica.
O Concello lembra que os maiores adoitan ser un branco fácil para os ladróns, máis aínda se están sós na casa ou viven nunha zona afastada ou pouco frecuentada ou nunha comunidade de veciños envellecida, de aí que se puxera en marcha esta iniciativa, que se retomará despois do verán con charlas en Campelo, Vilariño, Combarro, Samieira, Raxó e a Casa Rosada.
A entrada é libre e o Concello convida a que se sume toda a veciñanza, en especial a de maior idade.