O goberno local dá conta aos veciños do acordo da PO-234
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Ponte Caldelas deu conta en asemblea do acordo da PO-234 suscrito coa Xunta. Segundo trasladaron fontes municipais, os veciños de Laxoso (Ponte Caldelas) e Augasantas (Cerdedo-Cotobade) "manifestaron a súa satisfacción" polo anuncio do procedemento para a expropiación dos terreos afectados polas obras da PO-234 no tramo das curvas de Laxoso e a posterior licitación das obras.
Este compromiso da Consellería de Infraestruturas debe concluír, recordaron, coa adxudicación definitiva da mellora cara a finais de ano.
O goberno local, representado polo alcalde Andrés Díaz, e os concelleiros Pilar Couto e Lito Muíños, convocou unha asemblea veciñal "na que recibiu un apoio total, sen unha soa voz discrepante", din estas mesmas fontes, ao anuncio da próxima sinatura dun convenio interadministrativo polo que o Concello achegará 40.000 euros (repartidos entre este ano e o próximo) para desbloquear as obras.
O convenio, ao que Ponte Caldelas presenta mínimas correccións, asinarase ao comezo do procedemento licitador.
Os veciños subliñaron que o importante é que a obra se faga, por enriba de calquera outra consideración, porque se trata da seguridade viaria nun dos tramos máis revirados e complicados de toda a rede autonómica de estradas. É unha vía de case sete quilómetros, con carrís de apenas tres metros de anchura, sen beiravías e con varias curvas cegas.
O alcalde, Andrés Díaz, explicou que a Consellería dividiu a obra en tres fases. A primeira, entre Augasantas (Cerdedo-Cotobade) e Portasouto (Ponte Caldelas) licítase xa. Para este tramo, a Consellería non fixo petición ningunha ao Concello, a pesar de que inclúe 1,5 quilómetros no termo municipal de Ponte Caldelas. Ao Concello non lle consta se vai haber cesión ou expropiación destes terreos. O segundo tramo, en Laxoso, faise grazas a este convenio. A Consellería expropiará no marco do convenio de cofinanciamento co Concello. Quedaría aínda un terceiro tramo, que inclúe unha senda peonil na recta de Laxoso.
Houbo tamén intervencións que apuntaron que non hai que baixar a garda ata que a Consellería cumpra cos compromisos verbais e asine o convenio con Ponte Caldelas.
O alcalde respostou que o Concello estará sempre cos veciños, pero tamén apostou por normalizar as relacións institucionais coa Consellería. Un avance que relacionou coa "intervención técnica e afastada do politiqueo partidista" do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, a quen agradeceu "ter subido moito a calidade da interlocución coa Xunta".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas 'aforrará' cartos nas expropiacións da PO-234
Por Redacción |
-
A Xunta inicia o proceso expropiatario da estrada PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso
Por Redacción |
-
18 empresas presentan ofertas para as obras da estrada PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta licita a mellora da estrada PO-234 nun tramo de Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas achega 40.000 euros á Xunta para desbloquear as obras da estrada PO-234
Por Redacción |