Ponte Caldelas achega 40.000 euros á Xunta para desbloquear as obras da estrada PO-234
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas e a Xunta de Galicia achegaron este venres posturas para desbloquear as obras na perigosa estrada autonómica PO-234.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asistiu este venres a unha xuntanza de traballo co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, acompañado do delegado territorial, Xosé Manuel Cores Tourís, e técnicos da Consellería de Infraestruturas.
Ata o de agora, a Xunta esixía que o Concello puxera a disposición a totalidade dos 99 terreos incluídos na relación de bens e dereitos afectados. O Concello sempre defendeu que carece de competencias legais para expropiar terreos na rede autonómica de estradas e que a recollida de simples sinaturas carece de valor no marco do procedemento regulado de obtención dos terreos.
O Concello de Ponte Caldelas comprométese a achegar un total de 40.000 euros, dos que 20.000 serán reservados este mesmo ano e o resto o ano próximo. A proposta inicial de convenio facía variar a segunda anualidade "cun máximo de 20.000 euros" e agora convértese nunha cantidade fixa. Non obstante, o Concello non discutirá este matiz "porque a nosa prioridade é que a obra se faga", recalcou o alcalde.
A Xunta queda comprometida a iniciar xa o expediente para a expropiación dos terreos afectados e, a continuación, o procedemento para a adxudicación das obras. Será nese momento, cara o outono, cando o Concello achegará a primeira anualidade.
O alcalde informou esta mesma mañá aos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, reunidos en Xunta de Goberno. O convenio foi valorado moi positivamente e unicamente se farán pequenas modificacións de redacción e se introducirá a esixencia de que toda a publicidade institucional sobre esta obra faga constar a colaboración do Concello de Ponte Caldelas, "dando así relevancia ao fito de que, por primeira vez, un municipio paga as expropiacións das obras dunha vía incluída na rede autonómica de estradas".
O goberno local de Ponte Caldelas felicitou expresamente a todos os veciños de Ponte Caldelas e Augasantas (Cerdedo-Cotobade) que participaron activamente nas dúas manifestacións celebradas contra o que se deu en chamar a "cacicada da PO-234" durante a última campaña das eleccións autonómicas. O equipo, co alcalde á cabeza, entende que sen o apoio dos veciños non se tería chegado ata aquí, pois a obra estaba prometida dende o ano 2007 e non se tiñan producido avances.
O Concello dá por finalizado o conflito social e institucional
O alcalde subliña que o Concello segue convencido de que a razón xurídica está da súa parte e a Xunta de Galicia correspondíalle expropiar, "como fai en toda Galicia e sen entrar en liortas políticas". Non obstante, o realmente importante é a seguridade viaria nunha estrada que é "unha trampa mortal, moi estreita e con curvas cegas nas que se cruzan dous coches a duras penas", afirma Díaz.
O Concello dá por finalizado o conflito social e institucional e inicia os trámites para cumprir a súa parte do convenio, sen esquecer que, unha vez realizadas as obras nos dous tramos de Laxoso (Ponte Caldelas) e Augasantas (Cerdedo-Cotobade)- Portasouto (Ponte Caldelas), quedará pendente o terceiro tramo, que enlaza co centro urbano para completar os case 7 quilómetros deste perigoso trazado.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas 'aforrará' cartos nas expropiacións da PO-234
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas agradece o inicio das expropiacións da PO-234, pero non esquece as críticas
Por Redacción |
-
A Xunta inicia o proceso expropiatario da estrada PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso
Por Redacción |
-
O goberno local dá conta aos veciños do acordo da PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta licita a mellora da estrada PO-234 nun tramo de Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas mantén a súa oferta á Xunta de pagar as expropiacións da PO-234
Por Redacción |
-
Andrés Díaz reclama a Feijóo "normalizar" as relacións institucionais con Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Laxoso e Augasantas dan o seu visto bo ao acordo para reformar a PO-234
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas dará conta aos veciños do acordo coa Xunta na PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
Os populares de Ponte Caldelas critican ao concello por malgastar e perder o tempo
Por Oskar Viéitez |