Exhibición do Carlos Oroza ante a blogueiros e xornalistas gastronómicos
Por Redacción
O CIFP Carlos Oroza acolleu este xoves a terceira das xornadas "Formados e Profesionais. FP Hostalería", unha acción apoiada pola Consellería de Educación coa que busca poñer en valor e dar a coñecer o traballo formativo que se leva a cabo nos oito centros que integran a rede galega de FP de Hostalaría.
A través dunha xornada de portas abertas dirixida a blogueiros e publicacións especializadas, fixeron unha demostración dos coñecementos que adquiren no eido destas ensinanzas.
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería, José Manuel Pinal, participou nesta xornada cuxo principal obxectivo é aproveitar as novas canles informativas como a internet e os blogs especializados para amosar e divulgar o nivel de calidade e a esixencia formativa que hai detrás das ensinanzas de formación profesional da familia da Hostalaría e Turismo, con centros que son referentes a nivel internacional.
Ao longo de toda a mañá, os alumnos e os profesores do centro amosaron aos seus invitados o traballo no día a día, con actividades concretas como a simulación dun check-in no hotel Carlos Oroza, ou asistir a unha clase maxistral de cociña na aula de I+D do centro dirixida por Javier Alonso Garrido, ex alumno deste centro e xefe de cociña do Eirado da Leña.
Así mesmo, no taller de Pastelería do centro tivo lugar unha clase maxistral de elaboracións con chocolate a cargo do profesor Manuel Patiño; e na aula taller de cafetería puido degustarse unha degustación de vermú e aperitivo a cargo do alumnado do ciclo de Servizos baixo a dirección do profesor Diego Mosquera. Pola súa banda, os alumnos do ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turística presentaron un proxecto de interpretación de recursos turísticos de Galicia adaptada á diversidade funcional visual.
O colofón desta xornada púxoo o xantar-degustación elaborado e servido polos estudantes dos ciclos medios de Cociña e Gastronomía e de Servizos en Restauración.