Remodelación "profunda" do goberno de Lores coincidindo co ecuador do mandato
Por Alejandro Espiño
Non hai cambio de caras, pero si de áreas de responsabilidade para sacar a "máxima rendibilidade" a un equipo co que o alcalde asegura estar "encantado". Así é a remodelación "profunda" que Miguel Anxo Fernández Lores decidiu facer do goberno municipal e que será efectiva a partir de mañá venres.
Trátase dunha remodelación coa que Lores recoñece estar "especialmente contento" e que se aborda, segundo explicou en rolda de prensa, ante os "cambios importantes" que se foron "acumulando" nos dous primeiros anos de mandato e que foron dando forma a unha situación "bastante diferente" á que había inicialmente.
"Creo que vai a ser positivo para dar un impulso ao resto do mandato municipal", sinalou o alcalde, porque "temos que fiar máis fino neste momento".
Coa nova estrutura, tres concelleiros verán incrementado substancialmente o seu peso dentro do goberno: Anabel Gulías, que suma urbanismo e centro histórico ás súas competencias en promoción económica; Demetrio Gómez, que asume a área de mobilidade e obras que deixa Luís Bará; e Alberte Oubiña, que engade xuventude, parques e xardíns ás súas responsabilidades.
"Creo que vai a ser positivo para dar un impulso ao resto do mandato municipal", sinalou o alcalde, porque "temos que fiar máis fino neste momento"
Así, Anabel Gulías pasa a encargarse de promoción económica, centro histórico, urbanismo, a praza de abastos e das actividades terciarias nos espazos públicos. Demetrio Gómez, ademais da súa responsabilidade como coordinador do rural, encargarase de mobilidade, obras, transporte e participación urbana; mentres que Alberte Oubiña será o concelleiro de xuventude, normalización lingüística, parques infantís, xardíns e zonas verdes, praias e novas tecnoloxías.
Carme da Silva, pola súa banda, que cede urbanismo a Anabel Gulías, mantense como responsable de festas, residuos e de seguridade cidadá -policía, bombeiros e protección civil-. Ademais, asumirá toda a xestión administrativa dos fondos europeos DUSI e será a coordinadora do grupo municipal do BNG, substituíndo a César Mosquera.
Os servizos sociais cambiarán tamén de responsable. Carmen Fouces será substituída por Anxos Riveiro, que manterá a área de deportes. Cultura tamén se intercambiará entre ambas, polo que Fouces xestionará a partir de agora a política cultural do Concello e seguirá á fronte de educación, igualdade e cemiterios.
Apenas hai cambios nas áreas de Vicente Legísima que, tras perder a praza de abastos, mantense como responsable de réxime interior, persoal, patrimonio, mercados e venda ambulante; de Pilar Comesaña, que seguirá como concelleira de sanidade animal e terá ao seu cargo varias parroquias; ou de César Mosquera, que continuará á fronte de ordenación do territorio, infraestruturas e do "modelo urbano en xeral", explicou Lores.
O alcalde explicou que Luís Bará, finalmente, non abandonará a súa acta de concelleiro e compatibilizará co Parlamento as súas responsabilidades de patrimonio cultural e memoria histórica. Servirá, ademais, para que o goberno municipal teña unha boa coordinación co grupo do BNG na cámara autonómica. "Será positivo", dixo Lores.
Outro cambio importante afecta a Raimundo González. Seguirá sendo o portavoz do goberno e o responsable de economía, facenda e do ciclo da auga, pero ademais pasará a ser o "único responsable" de todos os procedementos de contratación que poña en marcha o Concello, ante a "complexidade" da nova normativa nesta materia.
O rural, por último, repartirano varios edís. Raimundo González seguirá á fronte de Canicouva e Ponte Sampaio, mentres que Demetrio Gómez coordinará Lourizán, Pilar Comesaña encargarase de Campañó, Alba, Cerponzóns, os dous Xeves e Verducido e Alberte Oubiña será a referencia en Bora, Mourente, Marcón, Tomeza e Salcedo.
Fernández Lores anunciou que, xunto con estas modificacións, o Concello iniciará os trámites para contratar a dous novos directores xerais, que se encargarán das áreas de protección cidadá e de medio ambiente, proxecto e obras.
O alcalde xustificou estes cambios, ademais dos cambios na contratación, na necesidade de "avanzar na equidade" entre a cidade e o rural, na unificación dos proxectos de obras, no aumento de sinerxias entre cultura e educación, na concesión dos fondos europeos e nas responsabilidades de varios edís noutras administracións.
Ademais, Lores engadiu que, a día de hoxe, descártase "case de forma definitiva" que algún outro grupo político entre no goberno, unha posibilidade que "sempre deixamos aberta" e que a estas alturas de mandato xa non ven probable. De aí, dixo, que tamén sexa unha das razóns desta remodelación, xusto no ecuador do mandato.
Relacionadas:
-
Os traballadores do Concello rebélanse contra a política de Persoal
Por Manu Otero |
-
Moreira afirma que os cambios no Concello revelan que o "desastre" do goberno municipal "era un clamor"
Por Alejandro Espiño |
-
Marea ve "esgotamento" do BNG na remodelación do goberno
Por Redacción |
-
A unión entre BNG e Marea permite aprobar a renda social básica e a compra do local en Ferreiros
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Bloque e Marea descartan "de momento" un pacto no Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores e Luis Rei achegan posturas para establecer unha "relación seria"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |