A Deputación convoca a mesa provincial da bicicleta
Por Redacción
Co gallo do Día da Bicicleta, que se celebra o 19 de abril a nivel mundial, a Deputación de Pontevedra súmase ás reivindicacións propias desta xornada, entre as que destacan a promoción do uso deste medio de transporte, e a defensa dos beneficios que reporta para a saúde e para a mobilidade sostible.
En concordancia con estes postulados, o departamento provincial de Mobilidade ten programada para o vindeiro 26 de abril a primeira xuntanza da Mesa Provincial da Bicicleta.
A esta reunión están convocados unha decena de colectivos e institucións, entre as que se contan, ademais da propia Deputación - representada polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez -, a Dirección Xeral de Tráfico, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Federación Galega de Ciclismo, 'Cero emisiones, 'Rurban', 'Arousa en bici', Bicicleando', 'A golpe de pedal', e 'Pedaladas'. A xuntanza terá lugar o vindeiro mércores pola mañá no Pazo Provincial.
A Mesa Provincial da Bicicleta é unha iniciativa que se concibe como un punto de encontro para que asociacións e administracións poidan traballar de xeito conxunto na mellora das estradas e a prol dunha correcta convivencia entre os diferentes tipos de desprazamentos e dun cambio de usos cara a mobilidades cotiás máis amables.
Enmárcase, ademais, nunha política de Mobilidade en consonancia coas demandas urbanísticas, medio ambientais e sociais de máximo respecto ao territorio e ao patrimonio construído e de proporcionalidade entre medios e fins.
Esta primeira convocatoria inclúe entre os principais puntos na orde do día a presentación da Mesa Provincial da Bicicleta como órgano de participación e consulta cidadá, a promoción da rede EUROVELO a Galicia, os puntos de intervención básica na rede provincial de estradas e o plan provincial de itinerarios pola Mobilidade en Bicicleta.
A convocatoria responde ademais ás demandas plantexadas na xuntanza do pasado verán e que servira como unha primeira toma de contacto entre a Deputación e diversos colectivos para impulsar esta iniciativa.
Relacionadas:
-
A Deputación presenta candidatura para ter un itinerario cicloturista homologado de 303 quilómetros
Por Oskar Viéitez |
-
Os rapaces prefiren ir en bicicleta pola beirarrúa por seguridade
Por Oskar Viéitez |
-
A Pedalada percorre a cidade reclamando que remate a violencia viaria
Por Diego Torrado |
-
Vai elaborarse un plan para deseñar itinerarios ciclistas na provincia
Por Redacción |
-
No día mundial da bicicleta, o ciclismo en Pontevedra está de loito
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Detectan falsas bicis eléctricas circulando por Pontevedra a velocidades elevadas
Por Redacción |
-
Hai mal rollo entre o Concello e Pedaladas?
Por Oskar Viéitez |